― O delegado territorial, Gonzalo Trenor López, avanzou que este investimento se inclúe no contrato valorado en 1,5 M€ que a Consellería de Sanidade acaba de sacar a licitación e que introducirá enerxías renovables en 14 centros de saúde galegos
― Eloína Núñez destacou que coa posta en marcha da nova caldeira o centro de saúde de Boiro deixará de emitir case 30Tn de CO2 á atmosfera ao ano
― As actuacións enmárcanse nun acordo de colaboración entre o Sergas e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e alíñanse coa Estratexia de Economía Circular
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor e Eloína Núñez, xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza anunciaron unha actuación na que se levará a cabo a instalación de caldeiras de biomasa por importe de 145.855 euros no centro de saúde de Boiro.
A Xunta de Galicia ten aberto o proceso de licitación e adxudicación dun lote de obras para introducir enerxías renovables nos centros de saúde galegos valorado en 1,5 M€.
Ambos dirixentes informaron que este contrato materialízase a través dun acordo entre o Sergas e o Inega, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que promove a través da Axenda Enerxética Galicia 2023 a integración de enerxías renovables en edificios públicos e facilita o seu cofinanciamento polo programa operativo FEDER Galicia 2017-2020, dentro da súa actuación de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica e outras tecnoloxías renovables na administración xeral da comunidade autónoma e no sector público autonómico.
“Estas actuacións correspóndense á aposta do Goberno galego polas enerxías renovables e a economía circular, na que se implican distintos departamentos da Xunta e na que se integra tamén a sanidade pública galega”, sinalou Trenor. A este respecto, o delegado lembrou que o pasado mes de xuño o Sergas aprobou tamén a súa Estratexia de Economía Circular que leva a política de redución de residuos, reutilización de materiais e reciclaxe á sanidade pública e centra un dos seus eixos na minimización do consumo de combustibles fósiles.
Pola súa banda, a responsable da sanidade pública compostelá, Eloína Núñez destacou que o cambio do consumo de gasoil polo de biomasa noutro centro sanitario, supón un novo impulso dentro da aposta pola sustentabilidade da área sanitaria santiaguesa, xa recoñecida por organismos nacionais e que esta actuación no centro de saúde de Boiro traducirase “nun aforro de 12.800 litros de consumo de gasóleo/ano que pasarán a ser de 0, o que significará a eliminación da emisión das 29,6 toneladas de CO2 da actualidade a 0, xa que a biomasa é neutra en emisións”.