Friday 22 de November de 2024

‘Matria’ e ‘Taxi Teherán’ encabezan o cartel do ciclo de cinema Os Ollos Abertos, que terá lugar a vindeira semana no Coruña, con catro proxeccións previstas


O ciclo, promovido pola asociación AIRE coa colaboración do Concello, chega este ano á súa quinta edición, achegándolle ás e aos espectadores unha perspectiva sensibilizadora a respecto das migracións

O Fórum Metropolitano e o CIFP Ánxel Casal acollerán a programación entre os días 18 e 21 de setembro. A asistencia será de balde, con coloquios abertos á cidadanía ao remate de cada proxección

Entre os días 18 e 21 de setembro, o Fórum Metropolitano e o CIFP Ánxel Casal, en Monte Alto, abrirán as súas portas á quinta edición do ciclo de cinema ‘Os Ollos Abertos’, unha iniciativa promovida pola Asociación Integral de Rescate en Emergencias (AIRE) que conta coa colaboración do Concello da Coruña, a través da Área municipal de Fomento e Promoción da Cidade.

Durante catro xornadas consecutivas, proxectaranse diversas longametraxes que afrontan as casuísticas dos movementos migratorios, co obxectivo de achegar o público á realidade das poboacións migrantes cunha perspectiva sensibilizadora.

O calendario de proxeccións abrirase o luns 18 (19.00 horas) co drama ‘La casa junto al mar’ (2017), do cineasta francés Robert Guédiguian e proposta no ano 2017 ao León deOuro na categoría de Mellor Película no Festival de Venecia. A sinopse da película orbita arredor de tres irmáns que se reúnen nunha pequena vila no litoral de Marsella, onde reside o seu pai, que atravesa un delicado estado de saúde. No seu reencontro, a chegada dunha patera ás inmediacións da costa cambiará as súas reflexións de vida.

Xa o martes 19 (19.00 horas) e tamén no Fórum Metropolitano, o público poderá gozar de ‘Matria’ (2023), do cineasta galego Álvaro Gago. A película, recoñecida no Festival de Málaga cunha proposta na categoría de Mellor Película e con María Vázquez premiada como Mellor Actriz Protagonista, achega a historia de Ramona, una muller de 40 anos que vive sumida nun contexto laboral e persoal precario nunha poboación da costa galega.

Mentres busca un futuro mellor para a súa filla Estrella, Ramona tenta saír tamén dun bucle no que parece encadeada ao límite da supervivencia.
Xa o día seguinte, mércores 20 (19.00 horas), no Fórum Metropolitano, proxectarase ‘Taxi Teherán’ (2015), un documental en formato road-movie que gañou o Oso de Ouro no Festival Internacional de Berlín do ano 2015. A longametraxe teletransportará as e os espectadores a bordo dun taxi que percorre as rúas de Teherán. Pasaxeiros de todo tipo entran no taxi e expresan abertamente as súas opinións e conviccións mentres conversan co condutor, que vén sendo o director do film, Jafar Panahi. A súa cámara, situada no cadro de mandos do automóbil, recolle as reflexións de parte da sociedade iraní nesta viaxe.

Por outro lado, e xa como xornada de peche da programación, o CIFP Ánxel Casal acollerá o xoves 21 (19.00 horas) a proxección de ‘Déjame salir’ (2017), dirixida por Jordan Peele. A película, un thriller de terror cunha notable carga social, achégase á relación entre un mozo afroamericano e unha moza branca, filla dun matrimonio adiñeirado. A extrema amabilidade da familia e os seus amigos sorprenderá o recén chegado, e unha serie de descubrimentos cada vez máis inquietantes levaranlle a descubrir unha verdade inimaxinable.

Asistencia de balde e coloquios abertos á cidadanía

No referente á asistencia do público ás proxeccións, haberá entrada libre ás mesmas, ata completarse a capacidade prevista nas salas habilitadas no Fórum e o CIFP Ánxel Casal.
Ademais, ao remate de cada proxección está previsto a apertura de coloquios abertos á cidadanía, ideados a modo de espazo de debate, para a posta en común de coñecementos e experiencias arredor da temática migratoria.