Friday 22 de November de 2024

Gran éxito de participación no Obradoiro de memoria e ximnasia para persoas maiores do Concello de Cerdido


• A iniciativa desenvólvese na Casa da Cultura municipal e está dirixida a persoas maiores de 60 anos

• As clases terán lugar os martes e xoves en horario de 16:00 a 18:00 horas

O Obradoiro de memoria e ximnasia para persoas maiores do Concello de Cerdido está a ser todo un éxito de participación.

Un total de 30 persoas reuníronse este martes na estrea da iniciativa, que busca promover un envellecemento activo entre a poboación a través de distintos exercicios cos que traballarán, durante os meses de setembro e outubro, a memoria e os músculos.

Os obxectivos principais deste proxecto céntranse, precisamente, en fomentar a estimulación cognitiva para contribuír a prever enfermidades mentais e a perda da memoria nas persoas maiores de 60 anos, ás que está dirixido o obradoiro. Ademais, promóvese a exercitación como fórmula para favorecer a psicomotricidade en idades avanzadas.

As persoas asistentes mostráronse participativas en todo momento ao longo desta primeira sesión, interesándose polos temas abordados e traballando nos exercicios propostos.

Desde o Concello de Cerdido destacan a importancia de traballar e promover este tipo de actividades, que teñen numerosos beneficios na saúde física e mental dos nosos maiores.

O alcalde, Alberto Rey, subliña “a implicación do noso equipo de goberno en materia de servizos sociais, con este tipo de iniciativas, que incrementan o número de actividades e servizos para os nosos maiores”.
Rey quixo destacar que “as políticas sociais son unha prioridade para o noso equipo de goberno, que iremos reforzando a medida que vaia avanzando a lexislatura, como xa demostramos acadando un servizo integral de axuda no fogar”.
As clases desenvolveranse os martes e xoves en horario de 16:00 a 18:00 horas na Casa da Cultura.