Friday 22 de November de 2024

Susana García clausura o curso ‘Creación de microempresas’ e atende as suxestións do alumnado


A concelleira de Educación, Susana García, clausurou o curso ‘Creación e xestión de microempresas’. En total foron 15 alumnos e alumnas os que se matricularon neste curso e recibiron formación, tanto teórica como práctica, durante 538 horas. Un esforzo grazas ao que obtiveron un certificado de profesionalidade de nivel 3. Esta iniciativa formativa forma parte dos programas AFD (Accións Formativas para Desempregados), pertencentes á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Para a súa posta en marcha e correcto desenvolvemento contouse coa organización por parte da Oficina de Emprego do Concello de Ordes.
Susana García aproveitou o encontro cos alumnos e alumnas para escoitar de viva voz as suxestións de cada un deles para poder mellorar as clases e a asimilación de coñecementos. Un punto no que todos e todas demandaron aumentar o número de horas de prácticas nas empresas. Pola súa banda a concelleira tamén os animou a facer uso das oficinas de promoción e busca de emprego, tanto a do Concello como a da Mancomunidade de Ordes.