Só un 4% dos 245 fogares que participaron na consulta dispoñen dalgún tipo de enerxía renovable
Un total de 245 persoas responderon á enquisa sobre usos enerxéticos nos fogares carballeses, unha consulta impulsada desde o concello coa intención de seguir avanzando no proxecto de comunidade enerxética local que temos en marcha. As respostas avalan a necesidade de apostar por enerxías máis sostibles e baratas, tanto polo gasto económico coma polo custo ambiental que supón a escasa implantación das enerxías renovables no territorio municipal.
Os datos das 245 enquisas corresponden a 163 pisos e 82 vivendas unifamiliares, o que permite ter unha aproximación á situación no conxunto do municipio. Deste xeito podemos saber que unha porcentaxe moi alta dos fogares, preto do 40%, utilizan a electricidade tanto para calefacción coma para a auga quente. Tamén é revelador o dato sobre o uso de leña, que está presente no 11% das casas, na súa práctica totalidade da zona rural. O aire acondicionado ten unha presenza testemuñal, en menos do 4% dos fogares, e do mesmo xeito é residual o uso de enerxías renovables, que só están presentes nun 4% das vivendas do noso concello.
A comunidade enerxética local mudaría esa tendencia, xa que unha das súas características é a utilización de enerxías renovables para a xeración de enerxía eléctrica ou térmica, e ademais de maneira conxunta, o que supón un importante beneficio ambiental e tamén social, ademais dun importante aforro económico para familias e empresas adheridas.
A enquisa revela un amplo coñecemento do gasto enerxético por parte da veciñanza, froito dos altos prezos da enerxía, que provocan queixas entre as persoas usuarias.
Outro dato que podemos saber grazas ás respostas recibidas é que no parque de vehículos do noso concello segue primando o gasóleo fronte á gasolina, e que os vehículos eléctricos son aínda minoría.