Friday 22 de November de 2024

A conselleira de Política Social visita o Punto de Atención á Infancia de Lousame


Fabiola García anuncia que a Xunta volve poñer en marcha a orde de axudas para a construción e ampliación de escolas infantís municipais

Teresa Villaverde anuncia reunións coas familias para ver de ampliar e adaptar o horario do PAI ás súas necesidades

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou esta mañá que a Xunta volverá poñer en marcha a orde de axudas para a construción e ampliación de escolas infantís que dependen dos concellos. Fíxoo durante unha visita ao Punto de Atención á Infancia (PAI) de Lousame na que estivo acompañada da alcaldesa, María Teresa Villaverde, e da concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.

Esta nova convocatoria, que permitirá dotar aos concellos de máis prazas de 0 a 3 anos nos seus centros, publicarase mañá mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) e está dotada dun orzamento de 34 millóns de euros. Os concellos terán a partir do xoves un mes de prazo, ata o vindeiro 13 de outubro, para presentar as súas solicitudes de fondos.

A conselleira enmarcou estas axudas nos avances en conciliación e apoio ás familias conseguidos nos últimos anos e que sitúan a Galicia á vangarda neste ámbito. Así, lembrou que somos a primeira Comunidade Autónoma en contar cunha Lei de Impulso Demográfico que blinda iniciativas como a gratuidade de todas as escolas infantís, sexan da rede pública, de iniciativa social ou privadas. Unha medida na que o Executivo autonómico inviste máis de 55 millóns para que máis de 31.000 familias poidan levar gratis aos seus fillos á escola infantil que elixan e supón un aforro medio para os fogares de máis de 2000 euros ao ano.

Así mesmo, Fabiola García referiuse a outras medidas de apoio ás familias como a Tarxeta benvida, axuda directa de entre 1.200 e 3.000 euros que reciben os pais cando teñen un fillo; o centenar de casas niño creadas no rural, coas que se levan recursos de conciliación a concellos onde non existían; ou o reforzo do Bono Concilia Familia, co que os pais poden contratar un servizo extraordinario de conciliación cando o necesitan.

Horario do PAI de Lousame

Pola súa banda, Teresa Villaverde aproveitou a visita da conselleira para darlle conta das necesidades do municipio en materia de servizos sociais. “As necesidades en servizos sociais son moi grandes: aumenta a poboación maior, os nenos non tanto. Este centro ten vinte prazas e é o primeiro ano no que só se cobren 15, cando antes había xente que quedaba fóra. Pero pensamos que ten unha razón: os horarios. E trataremos nun futuro coa Consellería de ver de ampliar os horarios”, apuntou a alcaldesa lousamiá.

Teresa Villaverde sinalou que “traballaremos para que a matrícula no PAI se siga mantendo. O noso horario é desde as 8:00 ata as 16:30 horas, porque hai familias con xornada continua. Pero imos ter charlas coas familias para saber se queren outro horario ou se este se adapta ás súas necesidades”.