Friday 22 de November de 2024

O Concello pon en marcha o Protocolo para a Abordaxe das Violencias Sexuais e LGTBIfóbicas en Espazos de Ocio Nocturno


A alcaldesa Goretti Sanmartín, acompañada polo concelleiro de Convivencia, Xan Duro, mantivo un encontro deliberativo para darlle o visto e prace e pór en marcha o Protocolo para a Abordaxe das Violencias Sexuais e LGTBIfóbicas en Espazos de Ocio Nocturno do Concello de Santiago de Compostela. Esta reunión de traballo contou cunha grande asistencia e participación por parte de asociacións de hostalaría, forzas e corpos de seguranza, representación das mulleres e do colectivo LGTBI; representantes de colexios profesionais, do ámbito xudicial, da oficina da Valedora do Pobo e dos grupos municipais.

“Con este protocolo queremos dar un paso máis en cambiar as condutas de violencia que se producen, especialmente, no lecer nocturno para conseguirmos que Santiago de Compostela sexa unha cidade libre de violencias”, explicou ao remate da xuntanza.

“Queremos facelo en complicidade co sector da hostalaría e do taxi, que traballaron de maneira colaborativa, man con man, nesta iniciativa”, indicou. Así, puxéronse en común as necesidades que detectou cada colectivo e os xeitos que se deben impulsar e fixeron apreciacións e melloras sobre un primeiro borrador que é o resultado de meses de traballo.

Foi unha xuntanza produtiva cunha alta participación das persoas que asistiron onde se expresou a vontade de coordinación e colaboración na implementación do protocolo, para facermos do ocio nocturno compostelán un espazo máis seguro para o conxunto da cidadanía.

Nas vindeiras semanas, incluiranse cuestións que se compartiron na xuntanza para poñer a andar o protocolo canto antes. Un dos aspectos máis importantes da posta en marcha do protocolo é o compoñente de formación para as persoas profesionais do sector da hostalaría e do taxi.

Desde o Concello de Santiago faise un chamamento para que os locais de ocio nocturno se adhiran e se inicie un proceso de concienciación contra as violencias lgbifóbicas que terá un distintivo que vai visibilizar lugares respectuosos coa diversidade.