A Biblioteca municipal abrirá mañá mércores o prazo de preinscrición en dúas actividades permanentes para persoas adultas durante a tempada 2023/2024. A concelleira responsable da área, Olga Ameneiro, indicou que se trata do Club de Lectura Feminista e o Club de Lectura Xeral, dúas propostas que se retomarán o vindeiro mes de outubro nas instalacións da Biblioteca municipal. A maiores, tamén se retomarán, indicou, as Mesas de conversa en inglés, unhas sesións ás que hai que inscribirse previamente cada semana, antes da celebración das mesmas.
O Club de Lectura Feminista reunirase unha vez ao mes, sempre en xoves e de 18.00 a 19.30 horas. As primeiras sesións serán os días 19 de outubro, 9 de novembro e 14 de decembro e as persoas interesadas en acudir poden preinscribirse dende mañá ata o 15 deste mes no horario de apertura da Biblioteca, presencialmente ou chamando ao teléfono 981 382 173. As persoas que obteñan a praza serán informadas das lecturas que se realizarán de cara ao primeiro trimestre. Nestas sesións reflexionarase e compartiranse varios temas dende unha perspectiva feminista a través da lectura de diferentes autoras.
Así mesmo, mañá e ata o venres día 15 abrirá o prazo de inscrición no Club de Lectura xeral, que se reunirá un martes ao mes de 19.00 a 20.30 horas para comentar lecturas comúns. Neste caso as xuntanzas do primeiro trimestre serán os días 17 de outubro, 14 de novembro e 19 de decembro, tal e como indicou a concelleira de Bibliotecas.
Hai un total de 12 prazas para cada unha destas actividades, que se adxudicarán de xeito directo se a demanda non supera a oferta, no caso contrario realizarase un sorteo ás 12.00 horas para establecer a orde de outorgamento e lista de reservas.
Outra das propostas para adultos na Biblioteca municipal son as Mesas de conversa en inglés, para mellorar o nivel en expresión oral nesta lingua das persoas participantes. Celebraranse todos os luns en dúas sesións, unha de 17.00 a 18.00 e outra de 18.00 a 19.00 horas e son de participación libre. Para acudir é preciso inscribirse o mércores anterior á celebración da actividade a partir das 9.30 horas, de xeito presencial ou chamando á Biblioteca. A primeira convocatoria desta tempada fixouse para o vindeiro 2 de outubro, polo que as inscricións poderán tramitarse a partir do 27 de setembro.