A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, anunciou a apertura do prazo de inscrición na actividade “Aprendendo a convivir”, unha proposta dirixida a alumnado de centros de ensino de Narón cursando ESO ou FPBI derivado polo Servizo Socomunitario do Concello que convive en fogares en situación de vulnerabilidade e que presenta dificultades no seu proceso educativo. As solicitudes poden presentarse, ata esgotar prazas, no rexistro municipal.
En total ofértanse dez prazas e as clases impartiranse na Casa da Mocidade, os mércores de 16.00 a 18.00 horas. Reforzo de contidos académicos, hábitos de vida saudable en canto á hixiene, alimentación, sono, ocio saudable e imaxe persoal, prevención de consumos: adicións con e sen substancias e saúde sexual forman parte dos contidos que se abordarán entre os meses de outubro e decembro deste ano, nos que se desenvolverá esta actividade, de balde, tal e como avanzou a edil naronesa.
“Durante o trimestre que dura esta actividade os educadores crearán un clima no que as mozas e mozos se sintan seguros para poder expresarse libremente e ter unha relación cercana entre todas e todos”, explicou María Lorenzo. A concelleira recalcou que o obxecto desta convocatoria é apoiar o desenvolvemento de actividades educativas dirixidas a menores e adolescentes de familias en situación de exclusión social ou en risco de padecela, tal e como figura no programa.
As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1122, 1108 e 1109).