— A nova convocatoria, que se publica mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), está dotada con 34 millóns de euros
— Os concellos terán de prazo ata o vindeiro 13 de outubro para solicitar estas axudas
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou hoxe que a Xunta volve poñer en marcha a orde de axudas para a construción e ampliación de escolas infantís que dependen dos concellos. Fíxoo durante unha visita ao Punto de Atención á Infancia (PAI) de Lousame na que estivo acompañada da alcaldesa, María Teresa Villaverde.
Esta nova convocatoria, que permitirá dotar aos concellos de máis prazas de 0 a 3 anos nos seus centros, publicarase mañá mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) e está dotada dun orzamento de 34 millóns de euros. Os concellos terán a partir do xoves un mes de prazo, ata o vindeiro 13 de outubro, para presentar as súas solicitudes de fondos.
A conselleira enmarcou estas axudas nos avances en conciliación e apoio ás familias conseguidos nos últimos anos e que sitúan a Galicia á vangarda neste ámbito. Así, lembrou que somos a primeira Comunidade Autónoma en contar cunha Lei de Impulso Demográfico que blinda iniciativas como a gratuidade de todas as escolas infantís, sexan da rede pública, de iniciativa social ou privadas. Unha medida na que o Executivo autonómico inviste máis de 55 millóns para que máis de 31.000 familias poidan levar gratis aos seus fillos á escola infantil que elixan e supón un aforro medio para os fogares de máis de 2000 euros ao ano.
Así mesmo, Fabiola García referiuse a outras medidas de apoio ás familias como a Tarxeta benvida, axuda directa de entre 1200 e 3000 euros que reciben os pais cando teñen un fillo; o centenar de casas niño creadas no rural, coas que se levan recursos de conciliación a concellos onde non existían; ou o reforzo do Bono Concilia Familia, co que os pais poden contratar un servizo extraordinario de conciliación cando o necesitan.