Figuras como o ucraíno Sergey Didorenko, ao violín, e o kazako Dima Gornowskij, ao violonchelo, actuarán como solistas durante o concerto.
Acompañándoos estará o español Jaime Roda Segrelles, como barítono
A Orquestra Filarmónica de Cámara de Colonia (Kammerphilharmonie Köln) volverá á Coruña o vindeiro xoves 28 de setembro, cun concerto que terá lugar no auditorio do Fórum Metropolitano, ás 20.30 horas. Esta iniciativa cultural, promovida polo Concello a través da Área municipal de Fomento e Promoción da Cidade, execútase ao abeiro da nova xira que está levando a cabo a orquestra alemá.
Cada ano, a Kammerphilharmonie Köln protagoniza máis de 300 concertos en todo o mundo. A orquestra, que durante décadas moldeou o talento musical e instrumental de múltiples artistas internacionais, fai parada este outono na Coruña cunha homenaxe a recoñecidos compositores como Antonio Vivaldi, Wolfgang Amadeus Mozart, David Popper, Gaetano Donizetti e Niccolo Paganini.
Entre as pezas que integran a programación destaca, por exemplo, un clásico como ‘As catro estacións’ de Vivaldi, que abrangue catro concertos para violín, corda e baixo continuo. Tamén haberá tempo para gozar do ‘Divertimento en re-maior KV136’, unha peza composta por Mozart no século XVIII tras unha viaxe do compositor austríaco a Italia.
O ucraíno Sergey Didorenko, ao violín, e o kazako Dima Gornowskij, ao violonchelo, serán dúas das figuras que actuarán como músicos solistas durante o concerto. Acompañaraos o español Jaime Roda Segrelles, como barítono.
Onde e como mercar as entradas para o concerto
Está previsto que o concerto da Orquestra Filarmónica de Cámara de Colonia comece ás 20.30 horas do xoves 28 de setembro, no auditorio do Fórum Metropolitano.
O custo das entradas será de 22 euros, con descontos especiais para persoas xubiladas e estudantes (entradas a 19 euros), así como para as persoas menores de 10 anos (entradas a 5 euros).
Os pases para asistir ao espectáculo do día 28 xa están á venda no despacho de billetes do IMCE da praza de Ourense en horario de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Tamén se habilitará o despacho de venda de entradas do Fórum Metropolitano o propio día do concerto, desde unha hora antes do seu inicio, sempre e cando haxa pases dispoñibles.