Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame organiza un Curso de Iniciación á Marcha Nórdica


A Concellería de Deportes de Lousame organiza un Curso de Iniciación á Marcha Nórdica, de tres xornadas de duración nas que o alumnado aprenderá a técnica deste deporte e realizará unha saída en ruta. As clases terán lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro os sábados 12 e 19 de decembro, nos que aprenderán e afianzarán os elementos básicos da técnica da marcha nórdica.

O horario das sesións será de 11:00 a 13:00 horas e o prezo dependerá do número de inscritos (mínimo 8 e máximo 20 persoas). Máis información e inscricións na Oficina de Deportes do Concello de Lousame (981 820 494 e 981 825 780) antes do 4 de decembro.

A marcha nórdica é un deporte de resistencia e de exercicio ao aire libre que consiste basicamente en camiñar coa axuda de bastóns similares aos usados no esquí. A súa práctica deste deporte supón importantes beneficios para a saúde, xa que mellora a postura do camiñante, aumenta a capacidade pulmonar e mellora tanto o seu estado anímico como as súas costas. Outros beneficios do xeito de adecuar o paso e do ángulo de picado cos bastóns son unha mellora da coordinación, unha maior estabilidade das articulacións (pois a pisada faise sen impacto e sen tensión) e unha mellora cardiovascular xeral.