Friday 22 de November de 2024

O Concello de Carballo pon en marcha un proxecto piloto de autobús urbano durante a Semana da Mobilidade


O servizo funcionará desde o luns 18 ata o venres 22, e será de balde para as persoas usuarias

O transporte urbano é un servizo de prestación obrigatoria nos concellos de máis de 50.000 habitantes. Non é o noso caso, pero aproveitando a celebración da Semana da Mobilidade imos poñer en marcha un proxecto piloto de autobús urbano que nos permitirá ter un coñecemento aproximado da demanda que podería ter un servizo destas características.

O autobús funcionará desde o luns 18 ata o venres 22 deste mes de setembro. Realizará un percorrido circular cun total de 11 paradas: estación de autobuses, parque comercial A Revolta, capela da Milagrosa, mercado municipal, rotonda Gran Vía-Vázquez de Parga, viveiro de empresas do polígono industrial de Bértoa, rúa Wolframio, As Eiroas, centro de saúde, centro comercial Bergantiños, rúa Perú e de novo estación de autobuses.

O servizo empezará a funcionar ás 06.30 horas, pensando sobre todo nos traballadores e traballadoras que se desprazan ata o polígono de Bértoa. De feito, o Concello de Carballo xa presentou no seu día unha alegación nese sentido ao Plan de Transporte Público de Galicia, instando á Xunta de Galicia a incluír o parque empresarial como unha das paradas da liña Carballo-A Coruña. A Xunta non tivo en conta a nosa reclamación, nin tampouco a solicitude formulada polo empresariado do polígono de Bértoa para a creación dunha liña específica que comunique o principal centro empresarial do concello e da comarca coa zona urbana.

Cada percorrido terá unha duración aproximada de 20-30 minutos. O autobús funcionará durante toda a mañá e retomará a súa actividade pola tarde, ata as 19.00 horas, aproximadamente. O servizo estará dispoñible para toda a veciñanza, ata completar as prazas, e será de balde para as persoas usuarias.