Rebeca Cervantes é unha desas mulleres que se foron convertendo en exemplos do catolicismo comprometido, da Igrexa militante sempre de parte dos pobres, compartindo a súa visión liberadora. No acto público que se celebrará no salón de actos do Castelo de Santa Cruz o vindeiro venres día 15 ás 20:00 horas relatará as vivencias da súa vida entregada ás persoas que máis padecen a pobreza material do mundo. Fíxoo desde a congregación das Mercedarias Misioneiras de Bérriz, entidade coa que o Concello de Oleiros leva anos colaborando a través da súa política de cooperación internacional. Será un acto no que se viaxará polas luces e as sombras que van conformando os retos da esperanza de moita xente especialmente en México -entre feminicidios, migracións e narcotráfico- e Guatemala, como ela di, “o país da eterna primavera e a eterna represión, hoxe vivindo na esperanza ante as eleccións”.
Cervantes chegou a España desde México, onde viviu os seus primeiros anos nunha familia de dez irmáns. Xa no País Vasco ingresou no Convento da Veracruz, onde estivo formándose durante tres anos, tras o que voltou ao país azteca, onde traballou nun Colexio e na inserción social de colectivos marxinais en Ciudad Obregón, ao noroeste do país. Tras 8 anos promovendo o cooperativismo habitacional pasa a Guatemala en tempos da dictadura de Ríos Mont. Viviu en comunidades rurais identificada cos máis pobres, en constante convivencia cunha cruenta guerra que deixou pegadas intensas na súa vida pastoral e comunitaria. Tras exercer en México e Guatemala regresou a Bérriz, en Biscaia, onde reside temporalmente na actualidade.