― Trátase de acometer obras de rehabilitación estrutural do firme enmarcadas na campaña de mellora que se leva a cabo de forma periódica nesta vía autonómica e na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N)
― Esta novas obras na AG-55 estarán debidamente sinalizadas e para minimizar a afección ao tráfico traballarase por carrís
― En total, as intervencións na autoestrada A Coruña-Carballo comprenden a mellora das características superficiais do firme en 64.900 m2 e estruturais en 29.667 m2
― O orzamento das actuacións nestas dúas autoestradas autonómicas rolda o 1,2 M€
A Xunta prevé iniciar este vindeiro mércores día 13 novas obras correspondentes á campaña de conservación e reforzo do firme na autoestrada autonómica A Coruña-Carballo (AG-55), se as condicións climatolóxicas así o permiten.
En concreto, trátase de acometer obras de rehabilitación estrutural do firme consistentes no fresado e reposición con mesturas bituminosas en quente. A actuación execútase no ámbito da planificación da campaña de firmes do ano 2023 que a concesionaria realiza de xeito periódico nas dúas autoestradas autonómicas co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles e garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos firmes.
Deste xeito, continúa o desenvolvemento dos traballos previstos na campaña, que tamén se están a realizar desde o pasado mes de xullo na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, co inicio a partir desta vindeira semana destes novos traballos na AG-55.
As obras na autoestrada A Coruña-Carballo estarán debidamente sinalizadas e para minimizar a afección ao tráfico traballarase por carrís.
Seguindo o programa inicial de traballo, o mércores comezarán as obras no treito comprendido entre os quilómetros 3+752 e 27+950, na calzada dereita, no carril dereito.
O segundo día as actuacións continuarán no treito que vai do quilómetro 28+700 ao 17+135, neste caso na calzada esquerda, no carril dereito.
O terceiro día as tarefas desenvolveranse entre o quilómetro 16+160 e o 7+500, na calzada esquerda, no carril dereito.
A partir do vindeiro 18 de setembro, e durante 6 xornadas, actuarase no ramais de Carballo Norte, Carballo Este, Sabón.
Campaña 2023
Nesta campaña estanse a realizar actuacións de mellora das características superficiais en 64.900 m2 na AG-55 e 181.225 m2 na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N).
Tamén están previstas actuacións de mellora estrutural en 29.667 m2 na AG 55 e 26.334 m2 na AG-57 incluíndo unha campaña de selado de gretas en 5.450 m lineais.
O orzamento estimado da campaña do ano 2023 suma nas dúas autoestradas autonómicas un total de 1,2 M€.
Plano da zona de actuación cuxos traballos se iniciarán este vindeiro mércores