A charla informativa do BNG foi un éxito de participación e xerou interese e expectativas entre a veciñanza
A declaración de ARI abriría a porta a novas posibilidades de financiamento e de instalación novos equipamentos para o barrio
O barrio da Fonte da Balsa, en Vilaboa, segue sen recibir a atención que precisa desde hai xa varios anos, a pesar das continuas promesas do goberno municipal de Culleredo. É por isto que o BNG vai propoñer a creación dunha ARI —Área de Rehabilitación Integral—, para elaborar un proxecto integral que sirva para satisfacer as necesidades da veciñanza.
O BNG convidou á veciñanza á charla na que deu a coñecer esta proposta. O arquitecto Xoan Andrade acompañou a Tono Chouciño, voceiro do BNG de Culleredo, na explicación da idea e todas as posibilididades que se abrirían coa declaración. O evento foi un éxito de asistencia e participación e xerou notable interese no barrio. Moitas persoas asistentes aportaron o seu punto de vista e formularon as súas dúbidas e preguntas.
As Áreas de Rehabilitación Integral ou ARI son conxuntos urbanos que por alguna circunstancia especial precisan ser rehabilitadas con urxencia. Declararanse por resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, da Xunta de Galiza, a petición dos concellos interesados, trala súa aprobación en pleno como paso indispensable. Outro requisito é que existan cando menos 50 vivendas na zona.
A declaración de ARI para A Fonte da Balsa suporía o acceso a uns fondos que axudarían a financiar economicamente a renovación tanto das zonas comúns —xardíns, accesos, paseo…— como os propios edificios, e a instalación de novas dotacións, de estimarse oportuno.