Friday 22 de November de 2024

A comunidade de mauritanos reúnese co alcalde de Ribeira


A comunidade de mauritanos que vive en Ribeira reuniuse hoxe co alcalde, Luís Pérez Barral, para unha primeira toma de contacto na que lle trasladaron ao rexedor a intención de realizar no municipio actividades de índole social e cultural.

Os representantes do colectivo que acada as 200 familias, informaron que están en pleno proceso de constituírse como asociación cultural e social chamada “Hermanos Españoles Mauritanos”. O seu presidente, Dedde Salem, xunto coas vogais Marien Lahbib e Islem Hmeida, indicaron que teñen a intención de comezar a realizar eventos que permitan dar a coñecer os costumes, as tradicións, a lingua e a cultura da comunidade mauritana.

Pola súa banda o alcalde agradeceu esta primeira toma de contacto e trasladoulle a boa disposición do Concello de Ribeira a colaborar con todos os actos que supoñan mellorar a integración e a convivencia da comunidade. “Ribeira é unha cidade aberta, acolledora e multicultural, grazas ás actividades que pretenden desenvolver favorecerase a integración social e facilitarase que os ribeirenses coñezan máis aspectos da vida e cultura mauritana e eles coñezan máis a cultura galega” concluíu Pérez Barral.