Destaca que o deporte de elite non vén do berce, senón do valor e do traballo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou que o deporte “é o mellor vínculo de cohesión social que ten un país”. Así o manifestou na recepción dos campións galegos en competicións internacionais que tivo lugar na Cidade da Cultura.
Nese senso, o presidente da Xunta indicou que “no deporte non hai elites, senón deportistas excepcionais” e destacou que nesta disciplina o éxito non vén do berce, xa que só se consegue a través do valor e do traballo. “O deporte de elite non é de persoas con privilexios, senón dos que máis se sacrifican”, afirmou, antes de poñer en valor os 97 podios internacionais conseguidos durante este ano, unha cifra que outros países máis grandes que Galicia non son capaces de acadar.
Ademais, Feijóo quixo agradecer aos deportistas alí presentes o seu labor, xa que, segundo dixo, detrás de cada vitoria non só hai titulares de prensa e felicitacións protocolarias, senón seres humanos, “persoas que intentan traballar para conseguir os seus soños”.
Apoio ao deporte
Durante a súa intervención, o mandatario galego subliñou que o Goberno está a reforzar o seu apoio aos 349 deportistas de alto nivel, dos que un terzo xa están directamente patrocinados pola Secretaría Xeral para o Deporte. Do mesmo xeito, a Xunta tamén colabora cos clubs modestos, aos que achega máis de 5 millóns de euros cada ano, e coas federacións de cara á gran cita olímpica do ano que vén. “A aposta polo deporte galego é unha aposta segura e ineludible”, concluíu.