Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Paderne axudou a conciliar a máis de 30 familias este verán


 Este venres tivo lugar clausura das aulas de conciliación cun acto ao que acudiron os pequenos, os seus pais e nais e representantes da administración local.

O Concello de Paderne axudou a conciliar a máis de 30 familias neste verán. Concretamente foron 31 os núcleos familiares do municipio que puideron acomodar as obrigas laborais co coidado da rapazada no período de vacacións estivais.

A administración local vén ofertando desde 2008 o servizo de aulas de conciliación durante os meses de xullo e agosto. Estas naceron como solución para que os fogares nos que ambos proxenitores traballan puidesen conciliar a vida laboral e familiar e neste 2023 puideron axudar a máis de tres decenas de familias padernesas, que non tiveron que pagar nada polo servizo.

Os usuarios do servizo de conciliación de Paderne celebraron hoxe a clausura das aulas, cunha xornada de ocio na que os máis pequenos desfrutaron dun contacontos de circo e dunha merenda á que tamén acudiron os pais, nais e titores, ademais de representantes da administración local.

Este ano volveu prolongarse a duración do servizo ata o inicio do curso escolar, xa que era unha demanda recurrente dos pais e nais que non tiñan outra opción para atender aos pequenos.
Ademais de ser unha alternativa para a conciliación, estas aulas tamén supoñen unha opción de ocio para os máis pequenos. As diferentes actividades lúdicas que se lles plantexan serven como motor para que os rapaces se relacionen e socialicen con outros nenos e nenas no período estival.