A concellería de Dereitos e Servizos Sociais vén de aprobar a concesión dun total de 1.451 axudas na convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o curso 2023-2024. A estas axudas destínase un orzamento total de 795.000 euros.
Na modalidade de escaseza de recursos, a concellería de Dereitos e Servizos Sociais resolveu conceder 637 bolsas de comedor escolar, 167 para a compra de material, e 487 axudas para actividades extraescolares. Na modalidade de conciliación, concedéronse 160 bolsas de comedor. En total, na convocatoria para o curso 2023/2024 apróbanse 27 axudas máis que no curso anterior.
Na modalidade de escaseza de recursos, as bolsas de comedor ascenden a un máximo de 90 euros mensuais durante os 10 meses de duración do curso; e as de compra de material son de ata un máximo de 60 euros. No caso das axudas para sufragar actividades extraescolares, a contía é de ata 15 euros mensuais se a actividade se desenvolve unha hora ou un día á semana: e de ata 30 euros mensuais para actividades que sexan dúas horas ou dous días semanais. Por último, na modalidade de conciliación, as bolsas son de 45 euros mensuais polos dez meses de duración do curso escolar.