O programa de “Inclusión social das mulleres” inclúe catro propostas para as que se abrirá o prazo de inscrición o vindeiro luns, día 11. Así o anunciou a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, que recordou que se trata de iniciativas que se desenvolverán entre os meses de outubro deste ano e xuño de 2024. Volve a clase, Apodérate, Obradoiro de actividades prelaborais de iniciación no sector da hostalería e Habilidades profesionais e introdución ás novas tecnoloxías son as accións que se enmarcan no citado programa, todas elas con inscrición de balde.
A actividade “Volve a clase” ofrece un total de 36 prazas -12 por grupo- e diríxese a mulleres desempregadas empadroadas en Narón e de entre 18 e 65 anos. A Casa da Mocidade será o lugar no que se impartirán as sesións, en tres quendas: Competencias /ESA, os luns, mércores e xoves de 16.30 a 19.30 ou os luns, mércores e venres de 9.30 a 11.00 horas e Alfabetización e ensinanza en español e galego para inmigrantes, os luns, mércores e venres de 11.00 a 12.30 horas. A edil naronesa indicou que se facilitará asesoramento á inscrición na Casa da Mocidade de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas dende o 15 ata o 29 deste mes.
“Apodérate” é outra das propostas de inclusión social, dirixida neste caso a doce mulleres que se atopen en situación de especial vulnerabilidade persoal, social e laboral. As participantes adquirirán destrezas nos eidos persoal, sanitario, educativo, Sociocomunitario e de lecer e tempo libre. Esta acción tamén se levará a cabo na Casa da Mocidade, os martes e xoves de 9.30 a 12.30 horas.
Entre a oferta deste programa municipal está tamén un obradoiro de “Actividades prelaborais de iniciación no sector da hostalería”, con doce prazas e dirixido a mulleres desempregadas, de 18 a 65 anos e empadroadas en Narón. O obxecto desta proposta é fomentar a especialización de habilidades básicas e desenvolver competencias profesionais un sector concreto para favorecer a inserción sociolaboral e o contacto co mundo laboral e da restauración. As clases impartiranse de outubro deste ano a xuño de 2024 nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, os luns, mércores e venres de 10.00 a 13.00 horas.
“Habilidades profesionais e introdución ás novas tecnoloxías” é a cuarta proposta do programa municipal de Inclusión social das mulleres. Diríxese a desempregadas de 18 a 65 anos empadroadas en Narón e habilitáronse un total de 10 prazas. As clases, entre outubro deste ano e xuño de 2024, impartiranse no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. Nas mesmas as alumnas aprenderán a desenvolver competencias e habilidades básicas para acceder ao mercado laboral e realizar unha búsqueda activa de emprego, diminuíndo a fenda dixital e achegándose ás novas tecnoloxías.
As inscricións para estas actividades poderán realizarse ata o 29 de setembro ás 13.00 horas a través da Sede Electrónica de Narón, do Rexistro municipal ou de calquera dos rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas. As persoas interesadas en recibir máis información poden consultar a Sede Electrónica ou contactar co Servizo Sociocomuntario Municipal, no primeiro andar do Concello ou no número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).
María Lorenzo animou ás mulleres ás que se dirixen estas convocatorias a inscribirse nas mesmas, “co fin de participar nunha serie de actividades encamiñadas a acadar a plena inclusión do colectivo na sociedade, obxectivo deste programa municipal”.