O Club Náutico de Castrelo de Miño acolleu a presentación da proba a contrarreloxo por equipos da 72 edición deste evento deportivo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no acto de presentación da contrarreloxo da 72 edición de ‘La Vuelta a España’ que sairá desde Galicia, concretamente desde Ourense Termal.
Galicia terá, unha vez máis, un lugar destacado neste gran acontecemento deportivo. A nosa Comunidade será o punto de partida deste evento que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre. Deste xeito, La Vuelta sairá desde Galicia, por segunda vez nos últimos catro anos e por oitava vez na súa historia.
A Comunidade galega protagonizará, así, outro momento histórico o 20 de agosto de 2016, igual que fixo co sorprendente comezo dende unha batea no ano 2013 ou o remate do 2014 onde o final de La Vuelta compartiu meta co Camiño de Santiago.
Ademais, Galicia albergará as cinco primeiras etapas que transcorrerán polas catro provincias galegas.
Hoxe, presentouse a proba a contrarreloxo por equipos no Club Náutico de Castrelo do Miño nun acto que contou coa participación, ademais da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, do director de La Vuelta, Javier Guillén, e do subcampión da copa do mundo de BTT.
A directora de Turismo de Galicia, anunciou que o próximo 9 de xaneiro, celebrarase a presentación de La Vuelta 2016 en Santiago de Compostela onde se dará a coñecer cada etapa e se desvelarán as cidades e vilas galegas que serán percorridas polo pelotón nesta nova edición.
Nava Castro destacou que grazas a este evento deportivo, “Galicia mostrará todo o seu esplendor a miles de espectadores cun inicio único que non deixará a ninguén indiferente”.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou que, no ano 2014, tanto na saída coma durante a carreira ou na meta de cada unha das etapa, a nosa Comunidade contou cun nivel de participación masiva, rexistrando máis de 2 millóns de público. Así mesmo, Nava Castro sinalou que La Vuelta do 2014 foi seguida por un gran número de espectadores a través das pantallas de varios países do mundo, acadando a cobertura internacional 190 países dos cinco continentes.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia explicou que as dúas horas de televisión en directo da primeira etapa levarán as imaxes de Ourense Termal a todas partes do mundo.
Con todo, Nava Castro afirmou que este evento deportivo constituirá unha magnifica ferramenta para dar a coñecer as paisaxes, a natureza, a enogastronomía e o patrimonio cultural da Comunidade galega. “Sen dubida, La Vuelta será unha oportunidade única para continuar coa nosa traxectoria de internacionalización do noso destino”, incidiu.
Destino termal
Nesta 72 edición, La Vuelta presentará Galicia como destino termal, un sector no que Galicia ocupa a primeira posición en canto a número de establecementos balnearios a nivel nacional.
Galicia é líder tamén no conxunto do Estado en canto á oferta minero-medicinal, con máis do 20% dos establecementos balnearios e tamén é a comunidade con maior número de establecementos termais distinguidos coa Q de calidade do Estado – en total 8 dos 36 balnearios de España con esta distinción se encontran na Comunidade-.
Sen dúbida, o termalismo é unha das grandes fortalezas da nosa Comunidade e La Vuelta será unha carta de presentación a nivel internacional de Galicia como destino termal e da oferta turística da Comunidade.