Friday 22 de November de 2024

24 nenas e nenos comezan curso na escola infantil municipal de San Sadurniño


FEGAMP e Concello demandan un maior “compromiso” da Xunta para o financiamento da gratuidade do servizo

A Escola Infantil Municipal A Rolada iniciou onte xoves o curso 2023-2024 cun total de 24 crianzas que, nestes primeiros días, encóntranse no período de adaptación para ir collendo o ritmo da aula. A estadía foi de hora e media, coa asistencia dos pais e nais, pero desde hoxe mesmo a presenza adulta xa se irá reducindo co obxectivo de que a incorporación ao centro sexa progresiva e o menos traumática posible para as crianzas (e tamén para as mamás e papás). A experiencia das mestras da EIM A Rolada indica que en menos dunha semana a maioría das meniñas e meniños xa terán familiaridade coa aula, sobre todo na unidade de 2-3 onde é habitual que se manteña o grupo do curso anterior. A atención na escola infantil volve ser gratuíta este ano. Neste sentido, tanto o Concello como a FEGAMP reclaman da Xunta un maior “compromiso” financieiro para o sostemento do servizo.

A EIM A Rolada comeza curso con dúas unidades agrupadas, a de 0-1 ano, na que só houbo unha matrícula, e a de 1 a 2, que conta con nove. Desta maneira, e mentres non se produzan novas incorporacións, a escola infantil funcionará cunha unidade de 0-2 anos e a das crianzas maiores, a de 2-3.

Desde a área de Igualdade recórdase que, aínda que o período de matriculación ordinaria teña rematado, as familias que precisen deste servizo poden solicitalo en calquera momento ata completar a capacidade do centro. O trámite pode facerse a través da Sede Electrónica (onde se encontra a normativa e toda a documentación que haberá que achegar) ou presencialmente no rexistro municipal.

O servizo ten capacidade para 38 meniñas e meniños: 8 na aula inicial de 3 meses a 1 ano de idade, 13 para idades comprendidas entre 1 e 2 anos e 17 na etapa final de 2 a 3 anos. De acordo coas matrículas rexistradas, na EIM quedarían dispoñibles sete prazas para 0-1 ano, catro para crianzas de entre 1 e 2 anos e tan só tres vacantes na aula de 2 a 3.

A atención é de balde -non así os servizos complementarios, como é o do comedor- desde que a Xunta decretase o ano pasado a gratuidade de todas as escolas infantís de Galicia, tanto públicas como privadas. A decisión autonómica, segundo denuncia a FEGAMP, non veu acompañada dos recursos económicos necesarios para que os concellos poidan cubrir custes. A federación de municipios critica que a Xunta financie a gratuidade das prazas nas escolas de titularidade privada “con ata 300 euros”, mentres que ás prazas públicas ofertadas polos concellos “o máximo que se lles dá sexa en torno a 170 euros”, declarou o presidente, Alberto Varela.

Pola súa banda, o alcalde de San Sadurniño e vicepresidente segundo da FEGAMP, Secundino García, explicou que na reunión mantida o pasado 29 de agosto coa Consellaría de Política Social -á que non asistiu a súa titular, Fabiola García- a Xunta “botou balóns fóra culpando ao Estado de falla de financiamento”. Unha “escusa” que, segundo o rexedor, “pon de manifesto a improvisación e a falla de compromiso autonómico cun servizo moi necesario e que todas e todos coincidimos en que debe ser gratuíto”.

“Foi Feijoo -engade Secundino García- quen decidiu xusto antes de marchar a Madrid que as escolas infantís fosen de balde. Despois veu a segunda parte, a de afogar as economías dos concellos cargándolles os custes desa gratuidade que, recordemos, é para un servizo socioeducativo e de conciliación que debería estar sostido integramente pola Xunta”.