Saturday 16 de November de 2024

Unha trintena de anticuarios participarán esta fin de semana na “II Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage”


A segunda edición da “Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage” celebrarase esta fin de semana, mañá e o domingo, nas instalacións do pavillón da Mocidade, na Gándara. A concelleira de Feiras, Mar Gómez, recordou que participarán no evento, con entrada de balde, unha trintena de anticuarios e anticuarias. O Consistorio organiza a convocatoria xunto coa asociación Ferro Vello.

A feira abrirá as súas portas nas dúas xornadas en horario de mañá e tarde, dende as 10.00 ata as 14.30 e de 16.30 a 21.00. Durante este tempo as persoas que se acheguen ao pavillón da Mocidade poderán ver artículos e pezas antigas como vinilos, selos, arte sacra, mobiliario, obxectos de decoración, publicacións… que traerán os responsables dos postos, procedentes de concellos de Galicia e tamén do País Vasco, Castela León, Asturias e Portugal, entre outros.

“Durante estes dous días poderanse ver e adquirir unha ampla variedade de produtos nesta feira, un evento que é tamén un referente na zona para o sector e que tivo unha excelente acollida na súa primeira edición tanto entre as naronesas e naroneses como entre persoas chegadas doutros concellos”, asegurou Gómez.