En maio, a propiedade da parcela presentou unha solicitude de licencia no Concello para a creación dun gran centro comercial, hotel e apenas 40 vivendas, como contempla o actual Plan Xeral
Os socialistas culpan a BNG, CA e PP de bloquear a modificación do PXOM que levaron a pleno o pasado ano que cambiaba os usos, incrementando o residencial e creando un centro sociocultural e un centro de día
“Dixémolo o ano pasado cando levamos esta cuestión a pleno, era a última oportunidade para buscar unha solución para esta parcela” explica a que fora responsable de Urbanismo e Vivenda no mandato socialista. Mercedes Rosón que se amosou especialmente crítica coa actitude “irresponsable e, nalgún caso, bastante cínica” de BNG, Compostela Aberta e Partido Popular que foron os que bloquearon a modificación urbanística que permitía converter esta parcela “nunha gran praza pública, incrementar os usos residenciais reservando o 20% para vivenda a prezo taxado, e crear un centro sociocultural e un centro de día”.
Comparativa entre a proposta de ordenación que os socialistas levaron a pleno en decembro do pasado ano e a volumetría que permite o actual PXOM
As críticas dos socialistas chegan no mesmo día no que o bipartito se reuniu coa propiedade que parece seguir adiante coa súa proposta. Así as cousas, a parcela do Peleteiro está cada día máis cerca de converterse nun enorme centro comercial, con establecemento de hotelería e apenas 40 vivendas. É o que se contempla no actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e para o que a propiedade da parcela solicitou xa licenza municipal facendo un depósito monetario de máis de medio millón de euros.
Precisamente na modificación que procuraba o PSdeG, reducíase o volume edificable ademais de mudar os usos, “creando un espazo público de calidade no Ensanche, unha gran praza pública con zonas verdes, e espazos socioculturais”.
“Alguén terá que asumir as responsabilidades dun bloqueo que, todo parece, lle vai a custar o futuro ao Ensanche”
Mercedes Rosón amosouse moi crítica cos dous grupos de goberno e co Partido Popular, aos que responsabilizou da actual situación: “tachóusenos de alarmistas e a oposición, que agora é goberno, decidiu bloquear un proxecto clave”. Recorda que os tres grupos frearon a modificación, e aféalles que primasen os intereses “partidistas” á “responsabilidade e lealdade á cidade”.
Insiste Rosón en que o bloqueo a este proxecto veu dun BNG “que nunca estivo nos asuntos importantes desta cidade”, unha Compostela Aberta que “incumpliu” coa palabra dada e opúxose ao consenso veciñal, e un Partido Popular “instalado nunha confrontación desleal coa cidade”.
“A quen lle corresponde agora solucionar este problema é a quen o creou: a señora Sanmartín e a señora Rozas”. Con estas palabras, Rosón esíxelle o diálogo “que tanto predicaron no pasado” e transparencia ao bipartito para ofrecer “unha solución realista” a un problema “que podería estar xa solucionado, senon se deixasen levar por intereses partidistas”.