Defende o papel central que desenvolveu a innovación na recuperación económica
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou na entrega dos IX Premios Vodafone á Innovación en Telecomunicacións a importancia de poñer os avances tecnolóxicos ao servizo das persoas para así favorecer a atención á dependencia e a inclusión social das persoas con discapacidade.
O presidente da Xunta defendeu na súa intervención o papel central que desenvolveu a innovación na recuperación económica e destacou o enorme esforzo que o tecido industrial da nosa comunidade está a facer para incorporar a I+D+i aos procesos de produción. Como exemplo, quixo destacar o lanzamento do coche autónomo que tivo lugar hai escasos días.
Estas innovacións tecnolóxicas ofrecen, na opinión de Feijóo, un abano de posibilidades inmenso para o crecemento industrial, pero sobre todo á hora de afrontar os retos sociais que ten que asumir Galicia como son o da dependencia e o envellecemento social.
Os proxectos que resultaron gañadores nesta edición dos premios estaban enfocados á fomentar a autonomía persoal dos discapacitados, a promover o envellecemento activo e saudable e a avanzar nos sistemas de diagnóstico sanitarios, por este motivo o presidente cualificounos como “tecnoloxías de acción social” ou “tecnoloxías integradoras”.
Para o presidente da Xunta, apoiarse nas posibilidades que brindan estes adiantos tecnolóxicos nunha comunidade como Galicia, onde o 23% da poboación ten máis de 65 anos e máis de 200.000 persoas teñen recoñecido algún tipo de discapacidade, é indispensable para facilitar a prevención e a atención.
Neste senso, Feijóo puxo en valor a dixitalización de servizos sanitarios en Galicia, como a historia clínica ou a receita electrónica, que xa está implantada no 100% dos centros e farmacias galegas. Xunto a isto, apuntou que a Xunta de Galicia está a traballar en programas como o Fogar Dixital Sociosanitario, que facilita que persoas maiores ou con discapacidade adquiran un grao de autonomía que lles permita seguir residindo nos seus fogares con apoio e supervisión preventiva.
Por outra banda, o máximo responsable da Xunta fixo fincapé tamén noutras actuacións levadas a cabo polo Goberno galego en materia tecnolóxica como a posta en funcionamento da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega); a Axenda Dixital 2010-2014, dotada con 900 millóns de euros, e a Axenda Dixital 2015-2020, dotada con 1.200 millóns. De tal forma que, como afirmou Feijóo, en oito anos en Galicia levaranse investidos uns 2.000 millóns de euros entre investimento público –europeo, estatal e autonómico- e investimento das empresas.
Do mesmo xeito, o titular do Goberno galego destacou o Plan de Banda Larga impulsado pola Xunta, grazas ao cal o 98% dos galegos contan con Internet, e cuxo obxectivo agora é acadar o acceso igualitario a redes ultrarrápidas en toda a comunidade.
Finalmente, Feijóo rematou incidindo na necesidade de “empregar convenientemente a tecnoloxía e propoñerlles aos que invisten cartos niso que destinen moitos recursos na súa conta de resultados á tecnoloxía de ámbito social”.