Saturday 16 de November de 2024

A asistencia en Podoloxía completa a oferta de Servizos Sociais de Paderne


 A prestación, gratuíta, está xa en marcha para maiores de 60 anos sen actividade laboral e persoas con dependencia

 Os interesados poden acceder ao servizo presentando a solicitude no Concello

O Concello de Paderne completa a súa oferta de Servizos Sociais coa posta en marcha dun programa de asistencia podológica. O servizo de Podoloxía está ao dispor dos veciños xa desde o inicio de setembro e, polo momento, ata decembro de leste mesmo ano.

A atención podológica é gratuíta e diríxese a usuarios empadroados en Paderne maiores de 60 anos que non realicen actividade laboral. Tamén a persoas con dependencia ou con discapacidade e dependencia recoñecidas. A capacidade económica persoal é un dos criterios que se avalían para acceder a un servizo co que o Concello de Paderne espera poder atender as necesidades dos seus veciños con maiores dificultades socioeconómicas.

Neste sentido, os interesados e interesadas en acceder ao servizo de Podoloxía poden presentar a súa solicitude no Concello. As atencións prestaranse a partir de cita previa e levarán a cabo nunha sala da propia Casa do concello ou no domicilio do usuario en caso de ter dificultades de mobilidade.

Deste xeito, o servizo de Podoloxía únese ás axudas técnicas que o Concello de Paderne concede aos veciños que o precisen. Neste sentido, a institución ofrece o préstamo de equipamento técnico asistencial como camas articuladas eléctricas ou con carro elevador, guindastres de transferencia, colchóns anti escaras, táboas de transferencia, cadeiras de ducha con rodas e WC ou cadeiras de transferencia con WC. Todas as familias que consideren que precisen algún destes elementos para o coidado dunha persoa poden dirixirse aos Servizos Sociais municipais e tramitar a solicitude.
Talleres de memoria
A maiores da prestación do servizo podológico e o préstamo de equipamento técnico, o Concello de Paderne tamén reinicia os talleres de adestramento de memoria dirixidos ao mesmo colectivo.
Nas súas diferentes sesións, desenvolveranse exercicios de atención, concentración e razoamento para promover a actividade mental das persoas participantes coa finalidade de manter e mellorar o seu rendemento cognitivo.
Entre outubro e decembro levarán a cabo dúas sesións semanais dunha hora cada unha. Unha localización será o Fogar do Maior do Concello. Ademais, existe a posibilidade de realizar sesións doutro grupo nun local social municipal diferente en función da demanda.
Do mesmo xeito que no caso das axudas técnicas, as familias interesadas en que un dos seus membros participen nos talleres de memoria poden dirixirse aos Servizos Sociais de Paderne.