A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, presentou esta mañá os obradoiros “Aprende a manexar o teu móbil” organizados polo Concello e destinados a persoas maiores de 60 anos empadroadas en Narón. A edil explicou que a actividade, para a que está aberto o prazo de inscrición, se levará a cabo nos centros cívicos sociais e/ou locais sociais da zona urbana e rural da cidade, ao estar programados un en cada barrio ou parroquia do termo municipal.
En cada obradoiro ofértanse un total de doce prazas e impartiranse dende este mes ata decembro deste ano durante un total dúas horas por sesión. A convocatoria é de balde e as persoas interesadas en anotarse poden facelo nos centros cívicos sociais ata esgotar as prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.
O curso consta de dous módulos nos que se abordarán diferentes temáticas: o primeiro será unha introdución ao manexo de dispositivos móbiles e tablets, con contidos sobre a estrutura e funcionamento, a configuración básica, menús e iconas, teclado, axenda, cámara, axustes e configuración, wifi, bluetooth, play store, conexión e navegación a internet e correo electrónico, entre outros. O segundo módulo será para que os maiores aprendan a manexar o Whatshapp, Facebook, google e outras plataformas.
“Con estes obradoiros dende o Concello apostamos por romper o illamento tecnolóxico ao que en ocasións se ven sometidas as persoas maiores, ofrecéndolles unha serie de formación para que poidan utilizar correctamente os seus dispositivos, aproveitando ao máximo as súas funcións e manterse ao día no uso das novas tecnoloxías”, asegurou a concelleira.