Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame saca a licitación obras por un importe superior aos 200.000 euros


As empresas aspirantes teñen ata o 19 de setembro para presentaren as súas ofertas

O Concello de Lousame vén de sacar a licitación catro contratos de obras por un importe de 208.241 euros. Trátase da pavimentación do camiño entre Carantoña e Abeixón (Tállara), da mellora do lavadoiro de Lesende, da pavimentación do núcleo de Guiende (Tállara) e da mellora dos accesos a Castro (Lousame). As empresas que desexen presentarse ao concurso teñen ata o 19 de setembro para presentaren as súas ofertas.

Orzamentariamente falando, a obra máis importante é a da pavimentación do camiño de Carantoña a Abeixón, unha actuación incluída no POS+2023 e que conta cun orzamento base de licitación de 71.955,04 euros. As obras teñen un prazo máximo de execución de seis meses e suporán a ampliación e mellora dunha estrada de 680 metros de lonxitude. Ademais de mellorar a capa de rodaxe con 6 centímetros de aglomerado en quente, o Concello de Lousame vai construír unha cuneta de seguridade de 170 metros de lonxitude onde tamén se canalizarán as augas pluviais. Así mesmo, está prevista a execución dun sobreancho na propia estrada.

A segunda actuación foi aprobada no Pleno deste pasado luns: a mellora dos accesos ao núcleo de Castro (Lousame) por 62.163,99 euros. Unha actuación incluída no Plan de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024 que permitirán dotar ao camiño de acceso a Castro dun novo firme e dun ancho constante de 3,5 metros. No treito que se corresponde con núcleo da aldea, onde vive unha vintena de persoas, demolerase o pavimento para despois ser nivelado con cinco centímetros de zahorra e a instalación dun pavimento de formigón de 15 centímetros. Neste tramo instalarase unha canalización para a recollida das augas pluviais con dúas arquetas e dous sumidoiros.

Con so tres meses de prazo máximo de execución, a terceira obra licitada son as melloras no lavadoiro de Lesende, orzamentadas en 40.946,38 euros e que executará o Concello de Lousame grazas ao convenio asinado o pasado 29 de novembro entre a alcaldesa, Teresa Villaverde, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. As obras consisten na substitución da cuberta por unha nova, a unha auga, a base de pilares, vigas e correas de aceiro sobre as que se colocará un taboleiro, placas onduladas de fibrocemento e tella cerámica do país. A maiores, tamén se pavimentará o espazo lindeiro mediante formigón desactivado.

Finalmente, o Concello de Lousame investirá 33.177,87 euros na pavimentación do núcleo de Guiende. As obras, cun prazo de execución máximo de seis meses, consiste na pavimentación con formigón de dous viarios, de 120 e 140 metros de longo. Unha actuación acometida con fondos propios que dá continuidade á pavimentación do camiño da Barreira a Guiende, realizada o pasado 2021.