A AECC Santiago co apoio do Concello pon en marcha, por segundo ano consecutivo, a andaina En Marcha Contra o Cancro que terá lugar o 23 de setembro na Alameda a partir das 10:00 horas. No mesmo espazo tamén se celebrará a feira divulgativa Ciencia para todos para conmemorar o Día Mundial da Investigación Contra o Cancro. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 22 de setembro e todos os fondos recadados destinaranse a apoiar a investigación en cancro e os pacientes e as súas familias.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, acompañada polo presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago, Francisco Pais, presentou hoxe a II edición da Andaina Solidaria Santiago de Compostela En Marcha Contra o Cancro que terá lugar o vindeiro 23 de setembro a partir das 10:00h na Alameda.
María Rozas animou a toda a veciñanza a participar na andaina, e agradeceu o traballo da Asociación Española contra o Cancro “polo seu inmenso traballo en apoio ás persoas doentes de cancro e ás súas familias, chegando a onde moitas veces non chegan as administracións públicas, ainda que deberan”. Salientou tamén o seu esforzo no impulso de iniciativas para a sensibilización, a prevención e a detección precoz do cancro, así como para a investigación. Nesa liña, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais mostrou o seu desexo de que “este traballo da AECC vaia acompañado polo esforzo das administracións públicos, e polos recursos necesarios para garantir máis investigación e a mellor das atencións en tempo e forma aos pacientes oncolóxicos”
“O ano pasado a solidariedade dos composteláns e compostelás tinguiu Santiago de verde nunha cita na que todos nos puxemos en marcha contra o cancro para impulsar a investigación oncolóxica. Este ano esperamos contar co mesmo apoio por parte dos nosos veciños e veciñas, para camiñar xuntos e tamén para dar a coñecer a importancia da investigación na Feira divulgativa Ciencia para todos. Será unha xornada para desfrutar unha divertida mañá en familia, con amigos e veciños. Esperámosvos a todos e todas”, declarou Francisco Pais.
Coa iniciativa desta andaina, a Asociación non so fomenta hábitos de vida saudables, senón que tamén axuda a desenvolver a investigación oncolóxica e o financiamento de proxectos dirixidos a mellorar o diagnóstico, o tratamento da enfermidade e o apoio a miles de pacientes e ás súas familias mediante os programas e servizos totalmente gratuítos que ofrece.
No marco desta xornada, celebrarase tamén o Día Mundial de Investigación Contra o Cancro. Para iso, organizarase a Feira divulgativa “Ciencia para Todos”, con casetas onde investigadores explicarán o seu labor e levarán a cabo experimentos interactivos. O evento contará coa colaboración de grupos do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), a USC, o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet), BFlow biotecnología y ciencias de la salud, así como os servizos de Cardioloxía do CHUS (Cardiochus) e de Farmacia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
II Andaina En Marcha Contra ou Cancro
O percorrido da andaina, de 5 quilómetros, será circular, con saída e meta no paseo central da Alameda compostelá. Discorrerá polo paseo da Ferradura, a avenida de Compostela, a avenida das Burgas, a avenida do Profesor Legaz Lagambra e a avenida de Antonio Raimundo Ibáñez antes de regresar ao emblemático parque. O circuíto completarase dúas veces.
Inscricións abertas
As inscricións para a andaina poden facerse na páxina web da entidade e na sede da Asociación en Santiago (Avda. Barcelona, 29, baixo) de luns a venres entre as 9:00 e as 15:00 horas. Tamén é posible a inscrición no departamento de deportes do Corte Inglés (Rúa Restollal, 50) en horario de 10:00 a 22:00 de luns a sábado. A inscrición estará aberta ata o próximo 22 de setembro ás 15:00 horas. Ademais, o propio día do evento será posible apuntarse de forma presencial ata unha hora antes do comezo do evento na propia Alameda.
O custo da inscrición é de 10 euros para os adultos, e 5 euros para os menores de 12 anos. Ademais, aqueles que non poidan participar, pero estean interesados en colaborar, poden realizar a súa achega a través de Bizum —no 06505— ou na conta do Banco Santander con IBAN ES54 0049 0007 2326 1212 4606 incluíndo o concepto “CONTRAELCANCER SANTIAGO”.
Os inscritos recibirán a camiseta oficial da andaina e un dorsal personalizable para escribir unha dedicatoria. Quen se inscriba a través da web ou na sede local poderán recollelos na Asociación, e os que o fagan no Corte Inglés teranos á súa disposición no propio establecemento.
Camiñamos xuntos contra o cancro
Esta iniciativa é posible grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela, das empresas patrocinadoras, como son Vegalsa e Solán de Cabras. Colaboran na iniciativa El Corte Inglés, Moonoff, CiMUS, CiQUS, USD, Oncomet, Cardiochus, BFlow, Servizo de Farmacia da Area Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e Eurobanan.
Asociación Española Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar ao lado das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se llelo diagnostican; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa fundación científica, a Asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 104 millóns de euros en 565 proxectos, nos que participan máis de 1000 investigadores.
A asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar e acompañar as persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 sedes provinciais, e presente en máis de 2000 localidades españolas, conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 500.000 socios e 1007 profesionais.
Durante o 2021, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu 136.000 persoas afectadas pola enfermidade.