Monday 25 de November de 2024

O Concello promociona esta fin de semana o turismo local no stand informativo de Expocidades en Portugal


O Concello de Narón participa un ano máis na Feira de Turismo Expocidades, que se celebra dende onte e ata o 10 de setembro no municipio de Valongo (Portugal). A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, informou que a cidade estará presente cun stand informativo, que compartirá espazo con outros 29, e no que se ofrecerá información sobre os recursos turísticos de Narón e tamén do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas.

A guía de turismo “Narón para os teus ollos”, as rutas “Pena Molexa-Monte da Lagoa”, “Ruta dos muíños”, o tramo do Camiño Inglés e a Ruta a Santo André de Teixido que discurren polo termo municipal e vídeos promocionais de Narón forman parte deses contidos que se ofrecerán da cidade. A maiores, no stand Narón-Xeodestino Ferrolterra Rías Altas tamén se ofrece información sobre os outros vinte concellos da zona que, xunto con Narón, integran o citado Xeodestino (Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Neda, Ortigueira, As Pontes, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.

Expocidades, a feira de turismo de proximidades do Eixo Atlántico “representa unha magnífica oportunidade para promocionar o turismo da nosa comarca en xeral e da nosa cidade en particular, onde dispoñemos dunha serie de recursos e elementos culturais e patrimoniais dun gran potencial que poderán coñecer todas as persoas que se acheguen a este evento”, destacou a concelleira de Turismo.