As previsións meteorolóxicas para a xornada deste sábado, día 9, levaron ao Concello a trasladar a celebración dos concertos do programa “Noites á fresca” ao Café Teatro do Pazo da Cultura, tal e como indicou a concelleira de Festas, Mar Gómez. As persoas que desexen asistir poderán facelo, de balde, ata completar o aforo do Café Teatro.
O primeiro dos concertos será o da formación “Caldo” e dará comezo ás 21.00 horas. María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra), ofrecerán ao público a súa música tradicional e temas do seu último traballo, un álbum que leva por título “Lugar A Ponte”.
A continuación, sobre as 22.30 horas subirase ao escenario a formación Tesouro, integrada neste caso por Carlos Rego (vocalista e guitarrista), Daniel Alonso (baixista) e Aser Álvarez (batería), Os temas do seu novo proxecto amenizarán a sesión musical que protagonizará esta agrupación.
Gómez animou á veciñanza a acudir a estes concertos, “que ofrecerán de balde música de calidade, no que constitúe unha aposta máis deste Concello por fomentar e difundir a música tradicional”.