Saturday 16 de November de 2024

Sen solucións para o transporte do alumnado de Bacharelato de San Sadurniño, Moeche e Doso a cinco días do comezo do curso


Representantes dos gobernos de San Sadurniño, Moeche e Narón reuníronse esta mañá na Coruña coa xefa territorial da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, Judit Fontela, para tentar arrancar un compromiso por parte da Xunta de darlle solución ao transporte do alumnado de Bacharelato que acode ao IES Fernando Esquío de Neda, así como a outros centros de ensinanzas postobrigatorias de Narón e Ferrol. O encontro, que se produce a cinco días do inicio do curso, non supuxo grandes avances con respecto á situación “provisional” que se vén mantendo desde o ano pasado, a pesar das reiteradas peticións dos concellos e das familias dalgunha opción axeitada para a rapazada, que nalgúns casos debe percorrer 13 quilómetros para coller un bus compartido co alumnado do ensino obrigatorio.

Así as cousas, segundo comentou á saída da reunión a concelleira de Benestar de San Sadurniño, Mari Carme Muíño -portavoz nesta ocasión dos tres municipios-, a Xunta de Galicia “móstrase reacia a modificar horarios e percorridos” das liñas regulares “que poderían cubrir as necesidades das mozas e mozos e das familias”. Ademais, no caso de aceptar algún cambio, a consellaría “esixe que os concellos asumamos os custes, descargando en nós a responsabilidade dunha solución que é de competencia autonómica, non municipal”.

Os responsables municipais de San Sadurniño, Moeche e Narón acudiron á xuntanza -solicitada de novo a semana pasada pola alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy- demandando unha combinación de transporte “de mínimos” consistente en axustar os horarios da liña Burela-Ferrol de primeira hora da mañá que pasa por Moeche, San Sadurniño e Doso, ademais de ampliar o transporte que sae desde Bouzarredonda para que comece na Pena da Meda, en Igrexafeita, e que veña vindo abaixo recollendo todo o alumnado tanto desa parroquia como da de Naraío e a Coveluda.

Neste último caso aínda habería outra opción máis: adiantar a saída do bus Vilalba-Ferrol e que esta liña regular faga o percorrido pola estrada vella das Pontes -onde están as paradas- en vez de ir pola AG-64. Deste modo, ademais de solventar unha parte importante do transporte ao IES Fernando Esquío de Neda -o de referencia para o alumnado de Bacharelato de Moeche, San Sadurniño e Doso-, tamén se lle estaría dándo unha solución a aquelas mozas e mozos da zona que estudan ciclos formativos -ou Bacharelato- noutros centros de ensino de Narón ou Ferrol “e cuxo transporte se está facendo nun microbús pagado polas súas familias”.

Mari Carme Muíño asegura que desde a Xefatura territorial da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade se mostrou “certa vontade” de revisar as posibles combinacións e horarios, aínda que sen dar por seguro que vaia haber modificacións. “Mobilidade veu dicirnos que o transporte da mocidade sempre fora así, que era un problema que vén de vello”. “Ademais os responsables da Xunta incidiron en que a Formación profesional e o Bacharelato non son obrigatorios, polo que consideran que non existe obriga de darlle resposta ás necesidades deste alumnado”, resume Muíño. A concelleira engade que os tres concellos afectados -San Sadurniño, Moeche e Narón- insistiron na reunión en que “a mocidade das zonas rurais debe ter as mesmas opcións de mobilidade que a das cidades e áreas metropolitanas. Non é cuestión de se se trata de ensino obrigatorio ou non, senón de xustiza social e de igualdade de dereitos”

Mari Carme Muíño asegura que a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade “tamén se escuda no argumento de que as variacións de horarios e paradas das liñas regulares Burela-Ferrol e Vilalba-Ferrol, segundo nos dixeron, suporía prexuízos para as viaxeiras e viaxeiros doutros territorios”. “Iso si -prosegue a concelleira- propuxéronnos como alternativa que nos incorporemos a un programa mediante o cal os concellos asumirían os custes das liñas que fosen necesarias mentres que a Xunta se faría cargo do prezo do billete. É dicir, pretenden descargar en nós, nos municipios pequenos e con menos recursos, tanto a responsabilidade do transporte da mocidade como a maior parte dos seus custes”.

Neste sentido, segundo comentou a portavoz dos municipios afectados “esta é a maneira coa que Mobilidade pretende arranxar o problema do transporte, facéndonolo pagar aos concellos. Debemos ter en conta que o ensino, sexa obrigatorio ou non, é unha competencia da Xunta, igual que a configuración das liñas de autobús. Polo tanto é a Xunta quen debe facilitar os medios para que a mocidade poida ir estudar a Neda, Ferrol ou Narón”

A cinco días para que comece o curso nos estudos postobrigatorios, o transporte para o alumnado de Moeche, San Sadurniño e Doso segue na mesma situación que hai un ano, cando se adoptou como medida “provisional” que utilizasen o autobús da ESO (que si dispón de transporte) con destino ao IES Fernando Esquío de Neda. Unha solución que non cobre as necesidades do resto do estudantado e que, ademais, lle supón un importante esforzo ás familias das zonas máis alonxadas -nalgúns casos ata 13 quilómetros-, que se ven na obriga de levar as mozas e mozos até Bouzarredonda ou directamente ao instituto.

Desde os concellos agárdase “que a Xunta reaccione con celeridade despois de tanto tempo con este problema e de varias solicitudes feitas polos concellos en nome das familias”. Tamén piden “unha solución verdadeiramente definitiva” por parte da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade “que remate coa discriminación que sofren as nosas rapazas e rapaces por vivir no rural. Elas e eles teñen os mesmos dereitos e deben ter as mesmas oportunidades que as das vilas e cidades, onde o transporte non é un problema”.