Saturday 16 de November de 2024

Concedida a licenza de obra para a construción dunha nave industrial no parque empresarial


A promotora do proxecto poderá beneficiarse dun 95% no ICIO.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse conceder a licencia de obra para a construción dunha nova nave industrial no ámbito do parque empresarial da Laracha.

A edificación, que cuxa actividade será a clasificación téxtil destinada a reciclaxe, terá unha superficie de 3.351 metros cadrados. O proxecto tamén inclúe a creación de trinta e catro novas prazas de estacionamento de vehículos.

Unha vez máis o Concello expresa a satisfacción por conceder esta nova licenza urbanística que permitirá incrementar a actividade industrial e xerar novas oportunidades que beneficien o movemento económico e sexan un incentivo para a xeración do emprego de calidade no termo municipal.

O Concello tamén está a ter un papel importante no desenvolvemento do parque empresarial ao ter establecidos importantes incentivos fiscais ás sociedades que se implanten no ámbito industrial. De feito, a promotora deste proxecto para o que vén de concederse a licencia urbanística poderá beneficiarse dunha bonificación do 95% no imposto municipal de construcións, instalacións e obras (ICIO), tal e como está contemplado no artigo 6 da ordenanza fiscal número 17 ao tratarse dunha actuación de especial interese por concorrer circunstancias de fomento do emprego. Neste caso, o órgano competente para conceder dita bonificación é o Pleno, polo que o asunto será elevado á próxima sesión.