A primeira das funcións será este sábado 9 de setembro, ás 19.00 horas, coa maga Amèlie. Os pases para asistir ás sesións xa están á venda desde este mércores
O Concello da Coruña, a través da Área municipal de Fomento e Promoción da Cidade, promove desde esta fin de semana ‘ForuMáxico’ un amplo abano de espectáculos de maxia, para todos os públicos, que terán lugar no Fórum Metropolitano. O ciclo forma parte da ampla programación cultural posta en marcha polo Goberno de Inés Rey para este mes de setembro e para o outono.
Neste mes de setembro, están previstas catro funcións de ‘ForuMáxico’, entre os sábados 9, 16, 23 e 30, sempre ás 19.00 horas. Ilusionistas e magos como Amèlie, Pedro Volta, Joshua Kenneth e Óscar Fernández serán os protagonistas dos espectáculos, cunha duración estimada de algo máis dunha hora para cada un deles.
Amèlie abre a programación ‘Con mi magia y tu imaginación’
Nun espectáculo fascinante, participativo e máxico, a maga Amèlie convida o público a formar parte da súa proposta, vivindo a maxia en primeira persoa. Un xogo, unha sedución, un desafío á mente… Unha forma única de presentar a maxia, coa elegancia, poesía e encanto no escenario. Amèlie compartirá coas persoas asistentes un arrebato de amor, a culminación dunha obra mestra ou un aparente fracaso.
A segunda quenda, con Pedro Volta, o sábado 16
O ilusionista Pedro Volta, semifinalista de Got Talent e director artístico de Galicia Magic Fest, protagoniza unha tarde chea de maxia, emoción e asombro en familia. Un show de maxia con predicións imposibles para coas persoas espectadoras, maxia moderna inspirada en series e películas como ‘La Casa de Papel’, ‘Regreso ao futuro’, ‘Os Cazafantasmas’ ou ‘The Mandalorian’. Todo iso, acompañado cunha gran pantalla para que as persoas asistentes non perdan detalle en ningún momento.
Joshua Kenneth, o sábado 23
‘Degustación de imposibles’ é unha obra apta para todos os públicos creada polo ilusionista Joshua Kenneth. A realidade do público distorsiónase con impactantes elementos visuais e poéticos como as pompas de xabón, os panos de seda ou as sombras chinesas. Serán 70 minutos de abraio, humor e misterio, mesturados cun pouco de historia do ilusionismo.
O ilusionista Óscar Fernández pecha o calendario deste mes, o sábado 30
O ilusionista Óscar Fernández protagoniza ‘Maxia, misterios e outras historias’, que inclúe números clásicos reinventados para crear sensacións únicas para toda a familia. Tanto as crianzas como as persoas adultas poderán vivir por igual o misterio da maxia. Óscar preséntase como un mago moderno, que busca un impacto máxico por riba de todo.
O seu estilo ao facer maxia descríbese como vangardista, mais cunha marcada influencia dos grandes mestres da maxia, clásicos e modernos.
Como e onde mercar os pases para os espectáculos
Os pases para asistir aos espectáculos de ‘ForuMáxico’ neste mes de setembro xa están á venda, a través da páxina web de Ataquilla e tamén nos despachos de billetes da praza de Ourense (aberto de luns a venres, agás festivos, en horario de 11.00 a 15.00 e 16.30 a 19.30) e do Fórum Metropolitano (o propio día de cada función, unha hora antes do espectáculo e sempre que haxa entradas dispoñibles).
Cada entrada custa 6 euros. Tamén se pode adquirir un abono familiar, con tres pases, por un custo de 15 euros. Ademais, os pases para as nenas e nenos menores de tres anos terán custo reducido, de 2 euros.