Friday 22 de November de 2024

A Coruña pecha o verán cun retorno económico estimado para a cidade de 60 millóns de euros só no mes de agosto


Nos meses de xuño e xullo Alvedro recibiu un total de 229.200 pasaxeiros, 31.97% máis que no 2022

A ocupación hoteleira superou o 91% de media durante agosto, chegando ao 95% durante a celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia

A alcaldesa puxo en valor a aposta polas festas de barrio, con máis de 20 citas entre xuño e agosto

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá co sector turístico da cidade para analizar as cifras da época estival logo da programación cultural e as medidas impulsadas polo Goberno municipal para o beneficio do sector. O Concello estima en 60 millóns de euros o retorno económico para a cidade só durante o mes de agosto e en retorno dos eventos do verán uns 30 millóns de euros para a cidade. “Só en eventos como o Morriña Fest, con 20.000 persoas por día; e a Tall Ships Races, visitada por 101.054 persoas durante os tres días; estímanse uns 8 millóns de euros de retorno económico por cada un o que supón un gran activo para a nosa cidade” explicou a alcaldesa.

Alcaldesa e sector sinalaron que a ampliación de dúas horas de hostelaría e ocio nocturno supuxo tamén un importante activo do retorno económico das festas. “É unha medida quepermite non só que os hosteleiros poidan abrir máis tempo o seu local, tamén que as persoas que asisten aos diferentes eventos teñan un maior servizo antes e despois do mesmo” expuxo. Rey fixo fincapé na importancia que tivo a medida tamén para os barrios que contaron de dúas horas máis de actividade durante as celebracións das súas festas.

En canto á ocupación hoteleira, o sector cifra no 86% a ocupación media durante os tres meses de verán. Sinalan que agosto foi o mes con mellor cifra, cunha ocupación do 91% de media e que durante a semana da Tall Ships Races e a celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia superou o 95%. “Unhas cifras moi gratificantes que confirman superan as previsións iniciais e que demostran que A Coruña é un dos destinos preferidos de verán” sinalou Rey.

Tráfico do Aeroporto de Alvedro

O aeroporto de Alvedro acadou un gran aumento na afluencia de pasaxeiros este ano, cun acumulado de 716.694 pasaxeiros totais. Unha cifra que supón un 48% máis que no xullo do 2022. “Aínda non se coñecen as cifras do mes de agosto máis todo apunta a unha tendencia moi positiva” sinalou a rexedora. Entre xuño e xullo do 2022 Alvedro recibía un total de 155.935 pasaxeiros mentres que este 2023 foron 229.200, o que supón o incremento do 31.97% nos primeiros meses do verán respecto ao 2022.

Ademais, tendo en conta só os datos ata xullo, Alvedro superou xa o número de pasaxeiros
internacionais do 2022 que contou cun total de 55.500 pasaxeiros procedentes de voos internacionais. Actualmente, Alvedro está a piques de chegar aos 59.000 pasaxeiros internacionais, superando a cifra do 2022. “Como saben esta foi unha aposta deste Goberno municipal dende o seu inicio ampliando a oferta de conexións internacionais e tamén lanzando A Coruña como destino internacional e vemos que eses primeiros pasos están a dar os seus froitos” explicou Rey.

Festas nos barrios

A Coruña contou este verán con máis de 20 celebracións nos distintos barrios, máis de unha por fin de semana. “O claro exemplo desta gran actividade foi esta fin de semanapasada coa celebración da Festa da Familia en Eirís, as Merendiñas da Torre e as Festas do Barrio das Flores, que encheron a praza co Flores Rock” explicou a alcaldesa.

A aposta pola recuperación das festas nos barrios é un modelo posto en marcha polo Goberno de Inés Rey no seu primeiro mandato co obxectivo de dinamizar a cidade a través da cultura. Para iso, no 2022 creouse unha liña de axudas ás entidades para a celebración das festas de barrio, financiada con 400.000 euros este 2023 (100.000 euros máis que o pasado ano). Rey calificou de “éxito” esa aposta e destacou que “iso fai que non só as persoas dos barrios se despracen ao centro aos grandes eventos, tamén dun barrio a outro e do centro aos barrios, algo irrenunciable para este Goberno porque afonda nesa condición de Coruña de barrios que tanto nos identifica” explicou.

Á reunión asistiron o concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro; Andrea Díaz, xerente da Asociación de Hostalería; Álvaro Lens, xerente e José Blanco, presidente da Coruña Convention Bureau; Rafael Ferrano, vicepresidente de AVITURGA; Paloma Orjales e Marta Guimaraens, vicepresidentas de OPC Galicia; Agustín Collazos, presidente de Hospeco; Óscar Regal, vocal e tesoreiro de AGAVI na Coruña e Andrés Fernández, xerente de ExpoCoruña.