· As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 20 de setembro, preferiblemente de forma telemática a través de casadacultura@carral.es
· Ofertaranse actividades para diferentes idades en distintas categorías: deportes, cultura, educación e servizos sociais.
O Concello de Carral presenta a súa programación de escolas municipais que inclúe, un ano máis, diferentes actividades para todos os gustos e idades.
O período de inscricións abriuse hoxe, mércores, ás 09:00 horas e estará activo ata o 20 de setembro. Poderá pecharse antes se se completan todas as prazas da modalidade.
As prazas son limitadas e as solicitudes deberán presentarse preferiblemente a través do correo electrónico casadacultura@carral.es e tamén de forma presencial na Casa da Cultura de Carral.
As formacións darán comezo a primeira semana de outubro, sendo responsabilidade do alumnado informarse nas dependencias municipais das datas, horas e lugares concretos das súas actividades.
A cota xeral será de 14 euros mensuais por persoa e actividade ou de 15 euros para aquelas que inclúen tres horas semanais. O prezo da Escola de Música é de 40 euros ao mes.
Haberá bonificacións para as familias numerosas, para persoas da terceira idade ou con discapacidade e para as voluntarias de Protección Civil. Todos elas terán un desconto de tres euros ao mes por actividade.
Deportes
Atletismo, ioga, patinaxe, rítmica e judo son as modalidades ofrecidas para os máis pequenos e pequenas no pavillón do colexio.
Equitación, baloncesto, pádel, tiro con arco e tiro olímpico serán as opcións para o público xeral.
Pola outra banda, os adultos terán á súa disposición clases de zoa e ioga. Ademais, durante este curso ofreceranse, a través do departamento de Deportes, cursos de iniciación a diferentes modalidades deportivas.
Cultura
O departamento de Cultura ofrecerá diversas actividades destacando unha formación en teares e tapices que se desenvolverá os xoves, de 17:00 a 20:00 horas, no centro de formación Antón Fraguas.
Educación
O CEIP Vicente Otero Valcárcel volverá contar con servizo de madrugadores, de 7:30 a 9:20 horas, e de conciliación, de luns a venres de 15:20 a 16:20 horas.
O centro acollerá tamén distintas actividades extraescolares entre as que se inclúen: robótica, debuxo e pintura, inglés, informática, baile moderno ou cociña.
Ademais, a escola municipal de música continuará coa súa formación de música e movemento nas mesmas instalacións.
Asociacións e mocidade
As asociacións ofrecerán diferentes opcións deportivas e culturais para os veciños e veciñas das parroquias.
Ademais, a través do Departamento de Xuventude propoñeranse diferentes actividades ao longo desta tempada.