O polideportivo de Venecia acollerá no 16 de setembro a un Open Integrado de Tenis de Mesa. O evento arrancará ás 10.30 horas e contará con tres categorías: menores de 14 anos, sénior e persoas con discapacidade.
Con relación a isto, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, referiuse ao “gran dinamismo deportivo presente na localidade durante todo o ano”, no cal as diferentes asociacións xogan un papel fundamental. De feito, para este open cóntase coa implicación da Agrupación Deportiva Costa Oeste-Dep. Adaptado (Adeco-Dea), entidade deportiva de carácter social que busca a integración das persoas con discapacidade a través da actividade lúdica e física. Neste senso, o edil fixo fincapé na importancia de que as institucións públicas sigan na liña de promover valores como a integración social e a igualdade de oportunidades; nesta ocasión, mediante o deporte.
As inscricións poderanse formalizar antes do inicio do evento a través do enderezo electrónico adeco.dea@gmail.com ou na dita instalación deportiva municipal.