· A preinscrición realizarase do 11 ao 15 de setembro e publicaranse as listas provisionais o 19 do mesmo mes.
O Concello de Bergondo abrirá o vindeiro luns, 11 de setembro, e ata o 15 de setembro o prazo para formalizar a preinscrición nas actividades municipais culturais, deportivas e de Envellecemento Activo para o próximo curso 2023-2024.
No caso das culturais e deportivas a preinscrición pode facerse por correo electrónico a cultura.deportes@bergondo.gal, vía formulario on-line, a través da sede electrónica ou presencialmente de 9:30 a 14:30 horas na Casa da Cultura.
Dentro da oferta de actividades, no caso das culturais, poderán anotarse a pandeireta e coro, música tradicional, encaixe de palillos e labores ou corte e confección. No caso das deportivas a oferta inclúe ximnasia de mantemento, pilates, prevención de danos músculo esqueléticos, zoa, ioga e taichí.
Nas actividades de Envellecemento Activo, dirixidas a persoas maiores de 55 anos, a presentacióno de solicitudes pode facer no correo electrónico servizos.sociais@bergondo.gal, vía formulario on-line, a través da sede electrónica ou presencialmente no departamento de Servizos Sociais. A oferta de actividades neste caso inclúe: tecnoloxías dixitais, creación audiovisual, memoria activa, inglés ou ‘Saudablemente’.