O Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia convocan o VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, que busca estimula-la creación de obras dirixidas a un público lector con idades comprendidas entre os 8 e 12 anos, promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil e homenaxea-lo escritor falecido en 2017.
O premio, que poderá quedar sen adxudicar se ningún dos textos presentados acada a suficiente calidade literaria, considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotación económica de 3 000 euros. Suporá tamén a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada da Pobra.
Con relación a isto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, referiuse á importancia de salvagardar este tipo de iniciativas para fomenta-la produción literaria que contribúa a inculca-lo hábito lector nas xeracións máis novas ao dispoñer dun catálogo máis amplo e de diversa temática. Neste senso, explicou que a Administración local asume a gratificación económica e parte da edición. “É un orgullo para o noso concello a consolidación deste certame, que vai camiño de erixirse como un dos premios galegos de referencia na literatura infantil”, manifestou a edil. De feito, o número de relatos presentados incrementouse co paso dos anos. Sinalou tamén que este tipo de propostas afianzan o compromiso existente no ámbito cultural de “seguir traballando na senda de elimina-lo prexuízo de que a literatura infantil é unha literatura menor.”
A este respecto tamén se pronunciou a vicepresidenta da A. C. Barbantia, Isabel Santos, ao dicir que “a literatura infantil non é causa menor porque o seu público é o noso futuro.” Así mesmo, tivo palabras de recordo para Carlos Mosteiro, que cualificou como “un compañeiro insubstituíble.”
En representación de Galaxia, o director de edicións, Marcos Calveiro, destacou a repercusión social que ten este tipo de iniciativas, pois “é fundamental que os nenos teñan boas lecturas e en galego.”
Tal e como se especifica nas bases, non poderán presentarse a este certame aquelas persoas creadoras que acadasen o galardón nunha ou en máis dunha ocasión das últimas cinco convocatorias.
O prazo de recepción de orixinais remata no día 01 de novembro de 2023. Tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil formarán o xurado, que dará a coñece-lo seu veredicto no mes de decembro. Ademais, a entrega da distinción farase coincidir coa presentación do libro, unha vez editado.
A consulta das bases e do documento de solicitude pódese efectuar nas páxinas web das entidades promotoras.