Case sete anos despois de presentar en San Sadurniño a súa primeira colección histórica sobre o noso municipio, a estudosa Margarita Sánchez Yáñez tráenos a segunda parte das súas investigacións, condensadas nun volume que abrangue os séculos XVIII e XIX. O libro, editado pola Deputación da Coruña, presentarase este venres ás 18:30h no adro do Convento do Rosario, onde se sucederon moitos dos momentos aos que se fai referencia na obra.
A través dunha laboriosa recopilación de fontes documentais, a historiadora conta con grande detalle e rigor a evolución do territorio durante dous séculos que estiveron marcados pola influencia do clero e do marquesado, pero tamén polos tempos da desamortización e a convulsión sociopolítica que motivou a fin do Antigo Réxime.
O libro, titulado “Historia de San Sadurniño: Os marqueses. A fin do Convento. Séculos XVIII-XIX” está editado pola Deputación da Coruña, igual que o primeiro volume publicado por Sánchez en 2016 baixo o título “Historia de San Sadurniño ata o século XVIII”.
A historiadora comezou co proxecto a mediados dos anos 70, cando aínda era estudante, e desde aquela foi recollendo referenzas e investigando en múltiples arquivos que a forneceron de material suficiente como para chegar no seu percorrido ata o tempo actual, algo que seguramente fará nun terceiro volume.
Do primeiro libro da serie temos varios extractos en Fálame de San Sadurniño, ademais de atopar parte do seu contido nos números da Revista de Estudos Mindonienses, o anuario histórico da diocese de Mondoñedo-Ferrol en cuxo consello de redacción tamén participa Sánchez Yáñez.
“Historia de San Sadurniño: Os marqueses. A fin do Convento. Séculos XVIII-XIX” poderá atoparse proximamente nas librarías e presentarase como anticipo no Adro da Igrexa de Santa María a Maior do Rosario este venres 8 de setembro ás 18:30h (se chove trasladarase ao claustro conventual).
A propia autora ofrecerá unha charla e asinará exemplares, nun acto presentado por Secundino García e conducido polo profesor Manolo González.