Tuesday 03 de December de 2024

O Fórum Metropolitano inicia esta semana dous novos ciclos de cinema internacional, con estreas en versión orixinal e propostas aos últimos Oscar


A irlandesa ‘The quiet girl’ e a surcoreana ‘Hunt. Caza al espía’ abren esta semana a programación. A primeira quenda de proxeccións será entre o xoves 7 e o sábado 9, en horario de tarde

O Concello da Coruña, a través da área municipal deFomento e Promoción da Cidade, promove este mes dous novos ciclos de cinema no Fórum Metropolitano, con proxeccións semanais en versión orixinal subtitulada nas salas Fernando Rey e Marilyn Monroe. Esta iniciativa forma parte da ampla programación cultural deseñada polo Goberno de Inés Rey para a tempada de outono.

O primeiro dos ciclos, que inclúe estreas internacionais en V.O.S., abrangue títulos como a irlandesa ‘The quiet girl’ (2022), proposta como Mellor Película Internacional na pasada edición dos Premios Oscar, ou o drama estadounidense ‘To Leslie’ (2022), que tamén acadou unha proposta aos Oscar na categoría de Mellor Actriz, coa candidatura de Andrea Riseborough, a protagonista do filme. Tamén haberá ocasión para gozar con ‘El médico de Budapest’ (2020), do húngaro István Szabó, e a coprodución polaco-italiana ‘EO’ (2022), proposta para o premio á Mellor Película Internacional na pasada edición dos Premios Oscar e gañadora do Premio do Xurado no Festival de Cannes 2022.

Ademais, e tamén este mes, no Fórum Metropolitano desenvolverase un segundo ciclo de cinema centrado especificamente en filmografía asiática, ‘Oriente en V.O.’. Ata finais de setembro, as e os espectadores terán ante si, na pantalla da sala Fernando Rey, thrillers surcoreanos como ‘Hunt. Caza al espía’ (2022), proposta como Mellor Película na anterior edición do Festival de Sitges; ‘Broker’ (2022), drama tamén surcoreano premiado o ano pasado no Festival de Cannes, a chinesa ‘Cliff Walkers’ (2021) e xa, a finais de mes, a surcoreana ‘Decision to leave’ (2022), dirixida por Park Chan-wook e proposta aos Premios BAFTA en dúas categorías, tamén á Mellor Pelicula de Fala non Inglesa nos Globos de Ouro 2022 e gañadora do premio á Mellor Dirección no Festival de Cannes 2022.

A primeira quenda de proxeccións, esta semana, de xoves a sábado
A película irlandesa ‘The quiet girl’ (2022), dirixida por Colm Bairéad, abre o calendario de proxeccións deste mes. Bairéad achega os espectadores á Irlanda rural dos anos oitenta, a través dos ollos dunha nena de nove anos, Cáit, que pasará un verán na casa duns familiares onde atopará un fogar distinto, máis próximo ao que está habituada, mais que tamén garda silencios en forma de segredos.

En paralelo, na sala Fernando Rey, proxectarase ‘Hunt. Caza al espía’ (2022), un thriller de espionaxe que tamén teletransporta aos anos oitenta, en Corea do Sur. O asasinato do político Park Chung-hee vertebra o contexto histórico desta longametraxe, centrada na carreira contra o reloxo dos altos cargos da seguridade surcoreana, coa misión de perseguir a un espía de Corea do Norte, infiltrado no país.

Haberá proxeccións de ambas as dúas películas entre o xoves 7 e o sábado 9, en horario de tarde.

As entradas, xa á venda
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases xa están dispoñibles no despacho de billetes do IMCE da praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas
persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean desempregadas. Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.

O calendario completo do mes de setembro, semana a semana
Semana do 7, 8 e 9 de setembro
● Sala Marilyn Monroe: ‘The quiet girl’.
● Sala Fernando Rey: ‘Hunt. Caza al espía’.
Semana do 14, 15 e 16 de setembro
● Sala Marilyn Monroe: ‘El médico de Budapest’.
● Sala Fernando Rey: ‘Broker’.
Semana do 21, 22 e 23 de setembro
● Sala Marilyn Monroe: ‘EO’.
● Sala Fernando Rey: ‘Cliff Walkers’.
Semana do 28, 29 e 30 de setembro
● Sala Marilyn Monroe: ‘To Leslie’.
● Sala Fernando Rey: ‘Decisión to leave’.