Na parroquia de Lema está en execución o saneamento do lugar do Igrexario
Continuando coas directrices establecidas no plan director para a mellora do abastecemento no noso concello, que inclúe as actuacións precisas para estender o servizo a toda a poboación, por unha banda, e para eliminar progresivamente as antigas redes de fibrocemento existentes na zona urbana, por outra, nestes momentos temos en marcha varios proxectos.
O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Maruxa Suárez achegáronse ata a parroquia de Sofán, onde está en execución o proxecto da rede de abastecemento cun investimento de 700.000 euros. As obras son executadas pola empresa Vázquez y Reino, e as persoas residentes nas zonas afectadas xa poden tramitar as solicitudes de enganche nas oficinas de Gestagua para que se vaian facendo ao mesmo tempo que a obra.
A conexión coa rede xeral realizarase nos núcleos do Alto (Verdillo) e O Forno (Sofán), e dende eles estenderase ao longo dos lugares de Bolón, Sofandónigo, Campo de Arriba, O Pilro, Quintela, A Tapia, O Forno, Periscal de Abaixo, Periscal de Arriba e A Praza, na parroquia de Sofán, e Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, Chacín e a Redonda, na de Verdillo. En total instalaranse 17.178 metros de tubaxes.
O alcalde e os concelleiros visitaron tamén as obras do saneamento do Igrexario, na parroquia de Lema, que forman parte dun proxecto que tamén incluiu o abastecemento e o saneamento en Arnados (Razo), cun investimento total de 197.790,37 euros. Como no caso anterior, os enganches xa poden solicitarse.
Próximas actuacións
O próximo proxecto hidráulico que se vai executar é a rede de abastecemento de auga desde A Canosa (Rus) ata Entrecruces, que ten un orzamento de 632.306,75 euros. Precisamente hoxe remata o prazo para que as empresas interesadas en realizar a obra presenten as súas ofertas.
Tal como recolle o proxecto, o obxecto é prolongar a rede xeral desde o lugar da Canosa ata os lugares de Casaldares, Taboada, O Piñeiro e A Igrexa, na parroquia de Entrecruces. Colocaranse en total 6.227 metros de tubaxes. A extensión da rede tamén permitirá conectar os lugares da Granxa, A Redonda e Outeiriños, que contan xa coas canalizacións.
Por outra banda, en breve sairá tamén a licitación o proxecto de ampliación da rede de abastecemento a Rebordelos, que será financiada con 168.375 euros con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais.