• O traballador social incorporarase o luns, 11 de setembro, ao Centro Social de Ortigueira, onde atenderá en horario de mañá en días alternos
• Á súa vez, o técnico prestará os seus servizos en Cerdido como parte do convenio de apoio e promoción de servizos sociais comunitarios entre ambos os concellos.
O Centro Social de Ortigueira suma ao seu persoal un novo traballador social, que estará ao dispor dos veciños e veciñas a partir do luns, 11 de setembro. Atenderá en horario de mañá e en días alternos.
Este novo posto foi creado grazas ao convenio de apoio e promoción de servizos sociais comunitarios entre o Concello de Ortigueira e o de Cerdido, polo que o técnico prestará os seus servizos en ambos os concellos.
O goberno local afirma que con esta incorporación o centro social poderá ofrecer un servizo máis completo e de calidade, polo que anima a todos os veciños e veciñas que o desexen a facer uso del.
As funcións das que se fará cargo o traballador social serán a información, valoración, orientación e tramitación de recursos sociais, a prevención e inserción de persoas en risco de marxinación ou a xestión de axudas económicas, entre outras.
Máis información no teléfono dos Servizos Sociais de Ortigueira, 981 402 542, ou no correo electrónico: serviciossociais@concellodeortigueira.com.