Saturday 16 de November de 2024

A homenaxe a José Gil púxolle o ramo á primeira parte do VIII Chanfaina lab


Do máis moderno ao máis antigo. Das vangardas dixitais da actualidade ao celuloide en branco e negro. O oitavo Chanfaina lab recolleu este domingo o carrete da historia para mirar ás orixes do audiovisual galego, que ten na figura do documentalista pontevedrés José Gil (1870-1937) o seu referente máis importante. O profesor Manolo González indagou durante anos sobre o traballo e a vida de Gil -tanto ou máis interesante que o seu legado cinematográfico- e desa investigación saiu o libro “Nos días encantados de agosto”, que mestura a biografía dun “McGyver” (sic.) que o mesmo facía cine e fotos, que se anunciaba como reparador de todo tipo de aparellos, afinador de pianos ou construtor de órganos de igrexa. Inventor do “cinemóbil” -adaptou e patentou dous furgóns para facer proxeccións ambulantes-, José Gil é todo un personaxe, e un persoeiro indiscutible da nosa cultura audiovisual ao que este domingo o Chanfaina, no seu derradeiro día de encontro, lle rendeu tributo cun concerto da Xove Banda de Narón e a recreación dun daqueles cinemóbiles, neste caso dedicado a albergar a exposición sobre a historia e o legado de Gil.

Quen foi José Gil pode descubrirse lendo o libro de González publicado por Galaxia. Unha obra que levou o Premio Antón Losada Diéguez de investigación e ensaio e a partir da cal xurdiu un proxecto apoiado pola Deputación de Pontevedra coa finalidade de recuperar a historia dunha figura fundamental da nosa historia audiovisual.

O profesor xubilado e máis o director de cine Ignacio Vilar -participante nesta edición do Chanfaina- déronlle forma de exposición a toda a información recopilada, ademais de crear unha web moi didáctica e chea de material gráfico que repasa a traxectoria vital de José Gil e as súas múltiples facetas: como reporteiro gráfico para a prensa, como autor dos primeiros noticiarios documentais sobre Galicia que se enviaban ás comunidades emigrantes en América, como produtor e exhibidor, etc.

A mostra está percorrendo durante todo este ano unha trintena de concellos da provincia de Pontevedra que tiveron certa relación coa biografía persoal e creativa de Gil. O percorrido faise nun furgón moderno, o Cinemóbil nº3 que colle o testemuño do Automotor-Cine e do Cinemóbil Reclame 2. Vehículos reconvertidos en máquinas de proxección ambulantes coas que José Gil exhibía as películas que eran éxito no momento.

A recreación actualizada daqueles innovadores vehículos recalou esta fin de semana en San Sadurniño traendo paneis explicativos no interior e no exterior, unha réplica da cámara Gaumont que o pioneiro utilizou para filmar o país no primeiro cuarto do século XX e materiais de arquivo daquela época que hoxe, un século despois, son xoias da filmoteca do país .

A exposición puido visitarse no adro do convento do Rosario guiada por Manolo González, quen fixo unha aproximación á importancia histórica de Gil como pioneiro do documentalismo e da ficción cinematográfica galega, pero tamén como home á vangarda do seu tempo, innovador, curioso e polifacético, que faleceu na ruína e marcado pola morte prematura das súas tres únicas fillas.

Porén, a proposta expositiva arredor de José Gil non abrangue unicamente o Cinemóbil nº3 e os paneis explicativos, senón que tamén se rodea de música interpretada ao vivo. Onte en San Sadurniño foi a Xove Banda de Narón quen tocou dez pezas seleccionadas polo seu significado. Igual que nos tempos do cine mudo, as composicións puxéronlle banda sonora a unha homenaxe na que se foron intercalando pequenas explicacións sobre a vida e obra de Gil.

Todo un deleite co que se lle puxo o ramo á primeira metade do 8º Chanfaina lab tras dous intensos días de traballo dos equipos que percorreron o territorio captando paisaxes e historias coas súas cámaras, o mesmo que José Gil cando se botaba polos camiños para retratar ou filmar a Galicia do seu tempo.

O resultado desta fin de semana poderemos velo na segunda parte do Chanfaina, a das estreas, que terá lugar na Casa da Cultura aló por finais de xaneiro ou comezos de febreiro do ano que vén.