Friday 22 de November de 2024

Recibimento por todo o alto en La Turballe aos oito ciclistas camariñáns


· A expedición rematou onte a súa viaxe, de máis de 1.500 quilómetros, cunha recepción no concello francés e a posterior cea de benvida.

· A xornada do sábado están dedicándoa a coñecer a zona e, pola noite, compartirán experiencias cos ciclistas de La Turballe que fixeron o ano pasado o camiño inverso.

· Fabián Canosa “

Os oito ciclistas camariñáns chegaron onte, venres 1 de setembro, a meta. E fixérono por todo o alto. A expedición foi recibida entre aplausos á súa chegada á vila irmá de La Turballe despois de saír o pasado xoves, 24 de agosto, de Camariñas e percorrer máis de 1.500 quilómetros divididos en nove etapas.

En La Turballe tiveron unha recepción oficial, na casa do concello, por parte do alcalde da localidade francesa, Didier Cadro, e da presidenta da Asociación La Turballe – Cap Camariñas, Dominique Floc’h. No acto intercambiáronse agasallos de ambas localidades.

No seu discurso, o concelleiro de Deportes camariñán, que foi un dos oito ciclistas participantes nesta iniciativa organizada polo Concello e o club ciclista PC Baikers do Vilán, comentou que “é un día que quedará gravado nas nosas vidas como ciclistas pero, sobre todo, como representantes da nosa querida terra, Camariñas”.

“Cada pedalada que demos, cada montaña que subimos e cada quilómetro que deixamos atrás representan moito máis que unha cifra. Son símbolos da nosa unión como pobos, da nosa amizade e do noso desexo de promover Camariñas e a comarca da Costa da Morte por cada recuncho que percorremos”, salientou o concelleiro.

Fabián Canosa quixo agradecer a “La Turballe, por acollernos con tanto agarimo. Que a nosa amizade continúe crecendo e fortalecéndose co paso do tempo. E que esta experiencia sexa só o comezo de moitas máis que espérannos no horizonte”.

Xornada de intercambio

Tras o acto de recepción chegou o momento de relaxarse e desfrutar dunha cea de benvida, que serviu para coller forzas para a xornada de hoxe, sábado 2 de setembro, na que os ciclistas camariñáns puideron coñecer diferentes lugares da comarca. Xa pola noite, compartirán experiencias cos ciclistas de La Turballe que fixeron o ano pasado o camiño inverso.

A expedición emprenderá mañá, domingo 3 de setembro, o viaxe de volta a Camariñas. Esta vez aparcarán as bicicletas e farano en avión.