Friday 22 de November de 2024

Ruta dos Muiños na Festa do Pan


Coa Ruta dos Muíños arrancaba esta mañá a programación da XXXIII Festa do Pan de Neda. No percorrido tomaron parte 100 persoas divididas en dous grupos, e a través do mesmo, puideron achegarse á orixe da tradición panadeira da vila seguindo o curso fluvial do Belelle, dunha extraordinaria beleza, e visitando algúns dos seus muíños grazas á xenerosidade dos seus propietarios, que non só nos abriron as súas portas, senón que incluso explicaron con detalle a súa historia. Foi o caso do Muíño do Cubo, unha construción de 1800 con ata catro muíños, 2 para o millo e outros 2 para o trigo. No seu día foi adquirido polos avós de Eduardo Dobarro Luaces, pasando despois aos seus pais. El mesmo traballou nel moendo para vender ás panaderías da zona ata a década dos 70, cando cesa a súa actividade. Hoxe en día, e a pesar do custoso do seu mantemento, mantén o seu legado. Así mesmo, e para esta ruta, Manuela Calderón e Xavier Pujol tamén abriron as portas do Muíño do Carrizo, que adquiriron hai apenas 2 meses e para o que xa teñen plans de futuro concretos. Xunto a eles, os antigos propietarios, María Luisa Bajo e Jesús Calvo, tamén recibiron aos participantes na ruta. María Luisa explicou na visita que a construción fora fábrica de papel ata os anos 40 do século pasado, cando os seus avós o adquiriron para reconvertilo en muíño, actividade que mantivo ata a década dos 80.

Un percorrido con historia organizado polo Concello de Neda que concluía na pista polideportiva do Roxal cunha degustación de empanadas. A programación continuará esta tarde, na xornada previa á Festa do Pan de Neda, coa Noite de Bolos, a partir das 21:30 horas no paseo marítimo de Xuvia.