— Trátase dunha subvención destinada a promotores públicos e privados para a edificación de vivendas enerxeticamente eficientes en réxime de alugueiro social
— A nova promoción estará localizada no barrio de Xuxán, onde o IGVS rematou este ano a construción de 40 VPP e tamén ten previsto construír outras 98
A Xunta de Galicia concedeu unha axuda de 2.475.510 euros ao concello da Coruña para a construción de 50 vivendas para alugueiro social na parcela Z-37 de Xuxán, unha zona coñecida anteriormente como Parque Ofimático. A subvención destinarase á construción de 50 vivendas por parte do Concello da Coruña, que prevé investir un total de 9.746.002,21 euros na futura promoción.
Segundo o proxecto municipal presentado ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), prevese a construción dun inmoble de 5 plantas, máis 1 baixo e 3 sotos, que acollerá en total 10 vivendas de 2 dormitorios e outras 40 vivendas de 3, ademais de locais comerciais e garaxes.
A Xunta tamén resolveu conceder outra axuda de 1,19 millóns de euros ao Concello de Vigo para a construción neste caso dun edificio de 27 vivendas que serán adxudicadas de igual xeito en réxime de alugueiro social.
Ambas subvencións inclúense no programa para a construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do programa Next Generation. Por este motivo, será necesaria a sinatura dun acordo entre a Xunta, o Concello e o Ministerio de Transportes, Vivenda e Axenda Urbana para facelas efectivas.
Así mesmo, cómpre lembrar que esta liña de axudas, convocadas por primeira vez en Galicia o pasado mes de febreiro, está destinada a promotores públicos e privados e aínda se poden solicitar ata o próximo 6 de outubro.
Pola súa parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo rematou a construción de 40 vivendas de promoción pública no barrio de Xuxán e prevé construír outras 98. Así, o pasado 2 de agosto licitou as obras de construción de 40 VPP por importe de 7,7 millóns de euros e tamén adxudicou a comezos de mes o contrato de redacción de proxecto e dirección de obra das outras 58. As 98 vivendas previstas financiaranse con fondos propios da Xunta de Galicia e achegas da Unión Europea.