Friday 22 de November de 2024

Adxudicado o contrato para a restauración da contorna dos ríos Sar, Sarela e Vilar


A Xunta de Goberno adxudicou, nunha sesión extraordinaria, o contrato para a restauración da contorna dos ríos Sar, Sarela e Vilar, dentro do programa EDUSI-FEDER por un importe de 301.368,99 euros á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. ao ser a oferta máis vantaxosa das presentadas.

Ademais do acondicionamento das marxes destes ríos, realizarase unha senda con paneis informativos que actuarán como fío condutor do percorrido, co obxectivo de que a veciñanza e as persoas que nos visitan poidan ter un itinerario marcado e apreciar os elementos patrimoniais e naturais situados á beira destes ríos. O proxecto inclúe intervencións en muíños e plantación de árbores, construción de pasarelas, pavimentación e obras de evacuación de augas, entre outras intervencións.

O ámbito de actuación comprende o acondicionamento e restauración ambiental dun espazo situado baixo o viaduto da AC-543 (na avenida de Xosé Filgueira Valverde) sobre o río Sarela, en Vidán, que se divide en dúas zonas: ámbito sur (Sar e Vilar), entre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte e o tramo do Camiño portugués, paralelo ao río Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha; e o ámbito norte, que comprende o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, nas dúas marxes do río Sarela.

O obxectivo principal é a restauración da contorna dos ríos Sarela, Sar e Vilar, contribuíndo así ao Vector Estratéxico Patrimonial da EDUSI, mediante a mellora da accesibilidade da súa contorna inmediata e da súa calidade ambiental. Os traballos enmárcanse dentro da Liña de Actuación LA 7, destinada á recuperación e promoción do patrimonio natural.

Entre os obxectivos concretos deste proxecto figuran, ademais da recuperación ambiental, a solución dos problemas de accesibilidade mediante sendas e pontes, a creación de zonas de lecer e a implantación de recursos de comunicación para contribuír á revalorización do espazo a recuperar.

A proposta do ámbito norte consiste en crear unha conexión entre a rúa superior e o río mediante unha serie de espazos de estancia e cunha pequena ponte peonil que conecte coa outra beira.

En canto ao proxecto do ámbito sur, inclúe as seguintes actuacións: o acondicionamento da zona situada entre a entrada ao xacemento da Rocha Forte e a vía férrea; a creación dun pequeno aparcadoiro de servizo no terreo municipal situado entre a rúa do Piñeiro e a vía férrea; o acondicionamento do paso subterráneo baixo a vía do tren; o acondicionamento da carballeira situada ao oeste do xacemento arqueolóxico; a construción dunha senda peonil, próxima ao curso do regato do Vilar, entre o paso subterráneo e o río Sar; a construción dunha pasarela peonil para o paso sobre o Sar, xunto á súa confluencia co regato do Vilar; a continuación da senda, paralela ao Sar, ata atoparse co Camiño de Santiago Portugués; a recuperación da vexetación de ribeira dos cursos do regato do Vilar e do río Sar, na zona comprendida entre a vía férrea e o encontro co Camiño Portugués.

O primeiro tramo da senda, que continúa o camiño existente entre o aparcadoiro da rúa do Churruchao e a entrada ao castelo, conduce ao túnel que pasa por baixo da vía férrea. O acceso ao túnel realízase mediante unha escaleira de catro tramos que aproveita o noiro existente, sen afectar aos restos da muralla.
A intervención complétase co tratamento vexetal das zonas adxacentes ao carreiro así como a plantación de árbores autóctonas nos puntos nos que a recuperación do bosque de ribeira o requira.

Os paneis informativos construiranse con aceiro, con deseños emparentados cos do xacemento, de modo que a través da súa formalización se estabelece un fío condutor que percorre toda a senda.

O proxecto de “Restauración do entorno dos ríos Sarela, Sar e Vilar” enmárcase dentro da operación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo á dotación económica municipal.