Ovidio Rodeiro salienta que “imos pagar a quilometraxe a 0,26 euros, un 31,5% máis e posiblemente o máis alto que se abona neste tipo de servizos na contorna”
A Xunta de Goberno local aprobou hoxe un prego de condicións que recolle as demandas planteadas polas traballadoras
A Xunta de Goberno Local do Concello de Boqueixón aprobou hoxe o prego de condicións que rexerá a licitación do Servizo de Axuda no Fogar. Un documento no que se recollen incrementos de entre o 9,1% e o 19,5% no prezo por hora traballada e un significativo aumento do pago por quilometraxe, que medra un 31,5% e pasa dos actuais 0,19 euros aos 0,26 euros.
O alcalde, Ovidio Rodeiro, salienta que “imos facer un importante esforzo para dignificar as condicións de traballo das persoas que atenden aos nosos maiores e dependentes polo que non so imos aumentar o prezo por hora traballada senón que imos pagar a quilometraxe a 0,26 euros, un 31,5% máis e posiblemente o máis alto que se abona neste tipo de servizos na contorna”.
Así, o prego aprobado fixa en 20,38 euros o prezo das horas ordinarias do SAF, o que supón un incremento do 9,1% con respecto ás anteriores condicións e equiparable ás que se están a ofrecer noutros municipios da contorna. Así mesmo, o Concello de Boqueixón acordou crear unha nova modalidade de fin de semana, cuxo prezo será de 22,32 euros, un 19,5% máis co prezo ordinario.
Deste xeito, o Concello de Boqueixón vai máis aló das reclamacións presentadas polas traballadoras do SAF, que o pasado mes de novembro de 2022 solicitaran ao Pleno un aumento dos cobros de quilometraxe ata os 0,25 euros. O contrato do SAF de Boqueixón sairá publicado na plataforma de contratación do Estado nos próximos días.